Peter Bagge visitará Pontevedra en maio

O debuxante estadounidense, un dos máximos representantes do cómic underground americano, protagonizará, no Pazo da Cultura, a exposición Todo o mundo é imbécil menos eu, da que Kiko da Silva é o comisario
Ilustración de Peter Bagge.
photo_camera Unha ilustración de Peter Bagge.

Ediciones La Cúpula traerá no mes de maio ao debuxante estadounidense Peter Bagge de xira por España. O autor, un dos máximos representantes do cómic underground americano, estará en Pontevedra o 18 de maio, segundo anunciou a editorial nas súas redes sociais. Tamén estará en Vigo, Santiago e A Coruña, despois de pasar por Barcelona, Valencia e Madrid.

Cartel da xira de Peter Bagge.

Bagge aproveitará a visita á cidade para inaugurar unha gran exposición sobre o seu traballo, Todo o mundo é imbécil menos eu, que terá a Kiko da Silva como comisario. Anunciouno o propio debuxante pontevedrés a través das redes sociais da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético. "É unha honra poder anunciarvos que La Cúpula, O Garaxe Hermético e o Pazo da Cultura de Pontevedra estamos a preparar unha exposición titulada Todo o mundo é idiota menos eu", explicou Da Silva. "Xusto cando O Garaxe Hermético cumpre 10 anos, o mítico autor do cómic underground americano estará en Pontevedra para inaugurar a súa exposición que estou a comisariar. Non vola perdades!!!".

Peter Bagge naceu en Peekskill (Estados Unidos) en 1957. Empezou a traballar a comezos dos anos 80. Pouco despois fichou por unha publicación de culto, Weirdo, de Robert Crumb, un autor co que ten moitas cousas en común e que el mesmo ten recoñecido como unha referencia fundamental. Unha das súas obras máis importantes é Odio, na que foi narrando a vida dun dos seus personaxes, Buddy Bradley, no Seattle dos anos 90. Dende que lle lanzara en 2011 Bat Boy, La Cúpula, selo onde traballa como editora a pontevedresa Natalia Mosquera, vénse encargando de todas as súas publicacións en España.

Comentarios