miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

O pianista que non quixo ser manco

Ramón Chao. AEP
Ramón Chao. AEP

Ramón Chao finou en Barcelona tras unha longa carreira xornalística en Francia ►O escritor vilalbés foi un brillante músico nunha traxectoria marcada polo seu pai

Ramón Chao non tiña medo a morrer. «Os mortos son moi pacíficos», sentenzaba. O primeiro terzo da súa vida foi unha tormenta. A súa traxectoria estivo marcada pola súa brillantez como músico, primeiro; como periodista, despois.

"Unha irmá meteuse monxa de clausura, outro irmán botouno da casa o meu pai, e meteu cura a outro"

A admiración que causaba o seu traballo nunca lle deu forzas para superar a inseguridade coa que o contaminara o pai. Faleceu o domingo nunha clínica de Barcelona, cerca da casa do seu fillo máis popular, Manu Chao. A súa vontade era ser enterrado en Vilalba.

"No medio de tanta desesperación quixen cortar dous ou tres dedos na serra eléctrica dos Miragaia"

O proxenitor fixera cartos en Cuba e investiunos en música:deixaba os pesos en asistir a concertos e recitais de ópera. Cos restos dos beneficios, regresou á terra da nai, Vilalba, e montou unha fonda que acabou sendo hotel. Ese negocio limitou a vida dos seis fillos que tivo: ou triunfaban na música ou traballaban no negocio. «Era insoportable, amargounos a todos. Unha irmá meteuse monxa de clausura, a un irmán botouno da casa nos tempos da fame, a outro irmán meteuno a cura,...». Ramón, nacido en 1935, era o pequeno, o único que acadou o soño paterno. «Logrou facer un pianista da nada, so con obcecación e pillería», conta en "O lago de Como" (Xerais), unhas memorias ficcionadas.

A carreira de Ramón Chao respondeu a unha estratexia a longo prazo do proxenitor. A base foi a capacidade excepcional do fillo e o seu negocio. Encargouse de que o rapaz aprendese a tocar o piano. Como apoio a ese talento usou o hotel «como instrumento para comprar vontades». «O meu pai enganou a todos con xamóns ou lacóns. Levei as mellores notas, pero non sei se as merecía».

Demostrou que as merecía dende que era ben cativo. O proxenitor procuraba que todo aquel que puidese axudalo, escoitase o fillo pianista. O xornalista Moncho Paz cita a Cunqueiro e a Díaz Castro entre os clientes diante dos que interpretou.

Pero o hostaleiro tiña a baza principal e, ao cabo exitosa, cruzando a rúa. Enfronte deles vivía outro retornado de Cuba. Un dos seus fillos, Manuel, era un estudante inusual. Manuel Fraga, trece anos maior que Ramón, ascendeu e ascendeu na Administración franquista ata chegar a ser ministro. «Meu pai dáballes banquetes de balde aos Fraga: as primeiras comuñóns e mesmo a voda da súa irmá... Así foi sacando bolsas, non porque eu fose xenial», confesaba en Vieiros.

Os expertos non opinaban así. Concedéronlle axudas do Concello de Vilalba e da Deputación Provincial para estudar piano, harmonía e o bacherelato en Madrid. Aínda era un adolescente. O triunfo non o convencía: «No medio de tanta desesperación decidín cortar dous ou tres dedos dunha man na serra eléctrica dos Miragaia, que ía a 300.000 quilómetros por segundo». Desistiu ao lembrar que o pai lle falara da peza que Ravel compuxo para Paul Wittgenstein, que era manco.

"O meu pai informou a Fraga de que eu casara cunha comunista. Fraga reaccionou moi ben. Sempre me axudou"

A formación adquirida valeulle para gañar o premio Nacional de Virtuosismo. Pagáronlle que continuase aprendendo en París con outra bolsa, que prolongou o Goberno francés.

A única vantaxe de estar en París era que se atopaba a 1.400 quilómetros do pai e el non podería correr onda o fillo tan veloz como a serra dos Miragaia. Nin sequera sabería que deixara a música se o facía.

Radio France precisaba dun locutor que falase portugués. O galego de Chao foi aval abondo para ser contratado. Durante décadas exerceu na radio e na televisión públicas como xornalista e crítico literario.

O pai non se presentou en París, pero mandou recado. «El dicía que eu debía ser célibe, que un artista debe estar consagrado á súa arte». Ramón Chao casou con Felisa Ortega, filla de republicanos escapados do franquismo. «O meu pai informou a Fraga de que casara cunha comunista. Fraga reaccionou moi ben. Sabía que eu era un "rojo", pero sempre me axudou». A data do matrimonio foi a mesma que decretou o pai para a «morte» de Ramón.

O xornalista prendeu gasolina ao mapa de vida paterno e escapaba dos pianos. Cando pasaron 16 anos reconciliouse con eles na casa do escritor e semiólogo Roland Barthes. «Explicoume que, en vez de correr para relaxarse como facían os parvos, tocaba o piano». Comprou un e matriculou os fillos, Manu e Antoine, nun conservatorio. «Un día dixéronme que estaban cansos das clases ríxidas de piano e deime de conta de que me estaba comportando como un tirano, como o meu pai». Así que lles prohibiu deixar a música, pero lles deu carta de liberdade cos instrumentos. Manu optou pola guitarra e Antoine, pola batería. Formaron varias bandas ata de-sembocar en Mano Negra.

«Manu realizou o soño do meu pai, porque, malia que non fose o estilo que lle gustaba a el, era tan vanidoso que estaría orgulloso de ter un neto tan coñecido universalamente».

O pianista que non quixo ser manco
Comentarios