Un piano en Santa Clara

O alumnado de Goretti Domínguez inaugura un ciclo de piano na antiga igrexa das clarisas polo que pasarán Isabel Díaz Dobarro e María Domínguez, esta última acompañada de Laura Iturralde, a escenógrafa das Tanxugueiras no Benidorm Fest
Un momento do concerto do alumnado de Goretti Domínguez en Santa Clara. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un momento do concerto do alumnado de Goretti Domínguez en Santa Clara. GONZALO GARCÍA

O piano é o protagonista da programación musical que esta semana o Concello promove na antiga igrexa de Santa Clara. O ciclo abriuno este xoves Goretti Domínguez e o seu alumnado do conservatorio Mayeusis, cun repertorio que foi dende o Barroco ata o século XX. Tras eles será a vez, este sábado, da concertista Isabel Díaz Dobarro, que mantén un importante compromiso coa visibilización das grandes compositoras. Finalmente, o ciclo pecharase coa proposta Koun[t]terpoint, que desenvolven conxuntamente María Domínguez e Laura Iturralde. Poderase ver o domingo.

"Koun[t]terpoint é unha aposta pola electrónica e a instalación lumínica, onde os sons acústicos tradicionais do piano son mesturados dun xeito orgánico coa sonoridade experimental e vangardista da música electrónica", explica o Concello sobre este proxecto da pianista pontevedresa María Domínguez e da directora de arte viguesa Laura Iturralde. "É unha aposta total pola dramaturxia visual e sonora, que logra recrear unha experiencia poética, intimista e inmersiva".

A proposta logra recrear a través do piano, a electrónica e a luz unha experiencia poética, intimista e inmersiva

A escenógrafa explica que detrás da colaboración entre ela e María Domínguez está tamén a admiración mutua. "A min encántame a súa música, así que cando me propuxo colaborar, aceptei sen máis. Foi así de simple", explica Laura Iturralde. "E, dalgunha maneira, penso que temos un certo interese estético común: ela lévao á música e eu, ao que sería a plástica".

A Laura Iturralde a idea de participar deste proxecto que mestura música electrónica e música de piano chamoulle a atención, dende o principio. "Porque, aínda que agora isto se vai superando, durante moito tempo tendeu a identificarse unha proposta electrónica con algo machacón", explica. "Pero a min encántame a música electrónica e encántanme tamén este tipo de proxectos máis experimentais".

A pianista pontevedresa María Domínguez nunha imaxe promocional do espectáculo ‘Koun[t]terpoint’.
A pianista pontevedresa María Domínguez nunha imaxe promocional do espectáculo ‘Koun[t]terpoint’.

Ademais de mesturar música electrónica e piano, en Koun[t]terpoint xógase coa luz e coa posta en escena. "Integramos intervención lumínica, proxeccións e a min mesma con cámara en directo, xogando con elementos orgánicos como follas ou o meu propio corpo", explica a escenógrafa, que tamén aclara que, para Santa Clara, tiveron que adaptar o espectáculo. "É un sitio especial ao que imos tratar de sacarlle o máximo partido, pero tamén ten unhas características particulares que obrigaron, por exemplo, a ter que prescindir do fume, ao non contar cun sistema de evacuación", di. "Pero mantemos as luces, as proxeccións... Todos os elementos deste espectáculo están pensados para que isto sexa algo máis que un concerto, para que cobre outra dimensión, que o público se poida mergullar na proposta o máximo posible a nivel perceptivo e sensorial".

TANXUGUEIRAS. Laura Iturralde chega a Pontevedra despois de ter formado parte do equipo que acompañou ás Tanxugueiras ao Benidorm Fest. Encargouse da dirección artística: deseñou a escenografía e a iluminación, "nisto último, tanto como me deixaron", e coordinou vídeo, vestiario, etc.

Ao Benidorm Fest fomos simplemente coa idea de facelo o mellor posible e de gozalo o máximo posible

"Antes de viaxar foi todo bastante apurado. Fixémolo todo a correr. E despois, alí foi todo súper intenso", lembra. "Pasaban mil cousas cada día, que se un vídeo filtrado, que se o ensaio non sei que, que se baixón, que se subidón... e así todo o tempo. Chegaba ao apartamento cada noite rebentada. E era de tanta emoción".

Foi ademais a primeira vez que ela traballou coas Tanxugueiras. "Foi todo moi divertido e coa intención de ir a tope con todo. O equipo enteiro era unha pasada e funcionou como unha gran familia. Simplemente tiñamos na cabeza facelo o mellor posible e gozalo o máximo posible". 

Todos os concertos do ciclo comezan ás 20.00 horas e son de entrada gratuíta (con acceso ata completar cabida).

SUSPÉNDESE O RECITAL DE CHANO DOMÍNGUEZ
Dentro do ciclo de piano de Santa Clara, este venres tiña que actuar o pianista de jazz Chano Domínguez. Finalmente o concerto tivo que cancelarse "logo de dar positivo en covid o artista", informou o Concello. Con esta proposta, incluída na programación que se bautizou como Híbridas, Chano Domínguez volvía a Pontevedra, despois de ter actuado no Festival Internacional de Jazz de 2003, nun concerto moi recordado, que se tivera que trasladar no último momento ao Principal a causa da chuvia.