Pilar Portela confirma a través das redes sociais a súa saída do Pazo da Cultura

A xerente durante 20 anos do organismo autónomo pontevedrés lamenta que "todo o esforzo e dedicación" da súa etapa "estean a destruírse, cuestionarse e menosprezarse"
Pilar Portela, o pasado xoves, durante a inauguración da exposición Na beira do río. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera Pilar Portela, o pasado xoves, durante a inauguración da exposición 'Na beira do río'. DAVID FREIRE (ADP)

A que foi durante os últimos 20 anos xerente do Pazo da Cultura de Pontevedra, Pilar Portela, deixará de selo tras a disolución do organismo autónomo, prevista para o 31 de decembro, momento en que o ente e os seus espazos pasen a estar xestionados directamente polo Concello. Confirmouno este luns a propia Portela nas redes sociais. "A todas aquelas persoas que me preguntastes ou a aquelas que non vos quedou claro o que implica a disolución do organismo autónomo Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra (...), xa vos aclaro que implica o desistimento do meu contrato de directora-xerente, cuxo inicio do procedemento me foi notificado o pasado 24 de setembro", escribe nun post publicado en Facebook con motivo do Día do Pilar, no que agradece á súa nai terlle servido de inspiración como "muller forte e cunha gran capacidade de traballo e sacrificio".

Para todas aquelas persoas que me preguntastes ou aquelas que non vos quedou claro o que implica a #disolución do...

Publicada por Pilar Portela en Lunes, 12 de octubre de 2020

No texto publicado, no que resalta o "apoio incondicional" recibido pola súa familia, compañeiros de traballo, sindicatos e membros da Asociación Galega de Xestores Culturais, Pilar Portela critica a decisión do Concello, que considera que menospreza a súa xestión. "Agora dáme moita pena ver que todo o esforzo e dedicación, destes máis de 20 anos, das miñas compañeiras e compañeiros do Pazo da Cultura e do Teatro Principal e meus, contribuíndo a facer do Pazo un referente cultural en todo o país, apoiando sempre a cultura galega, cunha programación estable, diversa, participativa, de calidade e para todos, coa presenza de grandes figuras de todo o mundo, acollendo multitude de eventos nacionais e internacionais, feiras e eventos deportivos, en definitiva, actividades que contribúen á dinamización local, estea a destruírse, cuestionarse e menosprezarse, sen ter nada claro o futuro inmediato a partir de 1 de xaneiro".

"Nunca pensei que me xubilaría aí, pero tampouco que remataría cunha patada no cu das mesmas persoas coas que levo case 20 anos"

Portela recoñece que non pensaba xubilarse no cargo, pero tamén se mostra molesta por como aconteceron os feitos. "A verdade é que cando entrei no Pazo nunca pensei que me xubilaría aí, pero tampouco se me pasou pola cabeza que esta etapa podía rematar así, cunha patada no cu das mesmas persoas coas que levo traballando dende hai case 20 anos, pero que lle imos facer, eu non tomo decisións, iso é cousa dos políticos e políticas, pois como me dixo unha delas: "Se queres tomar decisións preséntate ás eleccións e se saes elixida concelleira entón tómalas".

XANEIRO DE 2001. Filla do exconcelleiro Eladio Portela, Pilar Portela foi escollida polo consello reitor do organismo autónomo nunha axustada votación (catro votos a favor do PP, tres en contra do BNG, dúas abstencións do PSOE e unha de Caixanova) en xaneiro de 2001 para substituír a Carlota Álvarez Basso, en principio por un ano, tras solicitar a última unha excedencia. Finalmente, Álvarez Basso non se reincorporou e Portela ficou dúas décadas á fronte da institución que acolle o Salón do Libro, Cantos na Maré (que este ano se mudou a Santiago) ou o Culturgal.

Actualmente é a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. "Pois isto é o que toca, despois de case 20 anos, pero a pesar de todo isto seguirei desempeñando o meu traballo ata a disolución do organismo autónomo coa mesma profesionalidade que sempre mostrei", icomunica a xerente.

Contexto. O organismo disolverase o 31 de decembro
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, anunciou o 23 de setembro que o Concello iniciaba os trámites para disolver o organismo autónomo do Pazo da Cultura (que agrupa, ademais do Pazo, o Teatro Principal e o Recinto Feiral). Era o último ente de Pontevedra que mantiña esta consideración tras pasar o Instituto de Deportes a ser tamén un servizo municipal en 2017. Preguntada naquel momento pola xerente, Fouces non aclarou o seu futuro. "O que pasará cos traballadores é algo que lle toca valorar ao servizo de persoal; algúns ficarán e outros non", dixo. No Pazo da Cultura traballan na actualidade cinco persoas, só unha delas como funcionaria.

Comentarios