As pinturas saen fóra do Museo de Pontevedra

A iniciativa SanArte leva dez reproducións de obras de arte á Residencia de Campolongo polo Día Internacional dos Museos ▶ Davide Salvado presenta o seu novo espectáculo, Permita Deus, en Santa Clara
Usuarias da Residencia de Campolongo observando reproducións de obras de arte. MUSEO DE PONTEVEDRA
photo_camera Usuarias da Residencia de Campolongo observando reproducións de obras de arte. MUSEO DE PONTEVEDRA

O neno das piñas, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e Cabeza de negra, de Maruja Mallo, foron dúas das obras do Museo de Pontevedra que onte saíron fóra do Edificio Castelao para festexar o 18 de maio, Día Internacional dos Museos. As reproducións destes cadros, xunto a de outras oito pezas da primeira metade do século XX, viaxaron ata a Residencia da Terceira Idade de Campolongo para que os seus usuarios, "persoas que moitas veces teñen dificultades para achegarse ao Museo", puidesen gozar dunha exposición.

"Arredor de medio cento de persoas usuarias da residencia contemplaron estas creacións e foron convidadas a interpretar e intercambiar opinións arredor das pezas", informa o Museo, que tamén programou un concerto de Davide Salvado, no antigo convento de Santa Clara, para conmemorar o 18 de maio. A maiores, estes días desenvolveuse unha campaña en redes sociais e mañá terá lugar un espectáculo infantil.

Davide Salvado actuando no antigo convento de Santa Clara. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Davide Salvado actuando no antigo convento de Santa Clara. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Polo que se refire á proposta na Residencia de Campolongo, trátase da iniciativa SanArte e estivo dirixida pola consultora e formadora en Interpretación do Patrimonio, Isabel Fernández. Algunhas das obras presentes na escolma, como  Lavandeiras de Pontevedra (1904), de Eliseo Meifrén, ou Recollendo algas (1903), de Serafín Avendaño, deron pé a que as persoas maiores lembrasen traballos que realizaban na súa mocidade. "Igualmente, pezas como Festa galega (1917), de Fernando Álvarez de Sotomayor, serviron para traer ao presente momentos de lecer", explica o Museo. 

Aproveitando que o Día dos Museos se celebraba este ano baixo o lema Museos, sostibilidade e benestar, SanArte incluíu na súa escolma paisaxes como Pontevedra. Santa María desde A Caeira (1929), de Carlos Sobrino Buhigas, ou escenas costumistas como O Pegureiro durmido (1941), de Manuel López Garabal. Estas pezas "serviron de punto de partida para conversas arredor da biodiversidade como fonte de saúde, das boas prácticas para un futuro máis sostible e de como evolucionou a través do tempo a relación do ser humano coa súa contorna", indica o Museo. "As persoas participantes amosaron a súa satisfacción coa actividade e algunhas incluso se atreveron a mostrar as súas propias creacións como afeccionadas á pintura". 

As dez reproducións permanecerán durante tres semanas na Residencia de Campolongo. "A intención do equipo de Educación do Museo é que posteriormente esta exposición itinerante chegue a outros espazos onde se atopan persoas maiores en risco de illamento social". 

Enmarcado na celebración do Día Internacional dos Museos, tamén se celebrou un concerto do marinense afincado en Liulfe (Palas de Rei, Lugo) Davide Salvado. Foi no antigo convento de Santa Clara. Alí presentou o seu último espectáculo, Permita Deus, acompañado por Cibrán Seixo ao violín e por Antonio Casado á guitarra eléctrica. O artista avanzou que se trataba dun concerto "con fondo de acto espiritual", en palabras facilitadas polo Museo.

A maiores, a conmemoración do Día dos Museos en Pontevedra incluíu unha campaña nas redes sociais onde se mesturaban obras emblemáticas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Manuel Aramburu, José Seijo Rubio. Manuel Colmeiro ou Alfredo Souto con mensaxes de concienciación medioambiental.

A conmemoración do 18 de maio continúa este venres cunha visita guiada "na que o equipo de Educación do Museo propón unha nova mirada sobre a colección permanente, para amosar como se reflicten as preocupacións pola sostibilidade e como contribúen ao benestar da sociedade". 

A programación rematará o sábado 20 de maio (12.30 horas, acceso libre ata completar cabida) no Edificio Castelao cun espectáculo dirixido ao público familiar (a partir de 3 anos). O peirao é unha proposta da compañía galego-arxentina Diáspora Teatro na que se mestura narración oral, teatro de obxectos, monicreques e clown e que ten como obxectivo falarlle á cativada sobre como coidarnos coidando da natureza. 

Comentarios