O Pleno provincial enreda a dirección do Museo

Jorge Cubela refírese ao nomeamento de Ángeles Tilve como "provisional" ata que se cubra o posto "polo procedemento regulamentario" ante a sorpresa da oposición ▶ Rafa Domínguez matiza que se refería a unha cuestión administrativa e que ela é a directora do Museo "a curto, medio e longo prazo"
O voceiro do PP provincial, Jorge Cubela, chegando ao salón nobre da Deputación de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera O voceiro do PP provincial, Jorge Cubela, chegando ao salón nobre da Deputación de Pontevedra. DAVID FREIRE

"Dicir que o nomeamento da nova directora do Museo, ata que non se cubra o posto mediante o procedemento regulamentario, é provisional". Levaban pasados 17 minutos do Pleno da Deputación de Pontevedra deste venres, cando esta intervención do voceiro do Partido Popular (PP), Jorge Cubela, descolocaba á oposición e aos xornalistas presentes no salón nobre do Pazo Provincial. Foi o voceiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG), César Mosquera, quen o puxo de manifesto ao sinalar que a afirmación o deixaba "atónito" e preguntar se lle estaba facendo unha "emenda á totalidade" ao vicepresidente provincial, Rafa Domínguez. "Case me dá vostede unha alegría. É unha corrección? Porque non vai ser a única".

En realidade, segundo matizou a este periódico Rafa Domínguez con posterioridade, Cubela estábase referindo a unha cuestión administrativa que lle afecta a Ángeles Tilve, a recén nomeada nova directora do Museo de Pontevedra (oficialmente serao dende este domingo 1 de outubro), pero ela é a persoa que ocupará este cargo "a curto, medio e longo prazo", en palabras do vicepresidente.

Case me dá vostede unha alegría. É unha corrección? Porque non vai ser a única

Domínguez lembra que son varios os traballadores do Museo están na actualidade en pleno proceso de funcionarización. Tilve é unha deles. "Por este motivo, segundo nos indicaron os servizos de Recursos humanos da Deputación, o nomeamento debe ser provisional. Pero por unha cuestión administrativa, técnica. Evidentemente, a miña intención é que Ángeles Tilve leve as rendas do Museo de Pontevedra a longo prazo". 

 Foi César Mosquera o que introduciu no debate no Pleno provincial a destitución do anterior director do Museo, Xosé Manuel Rey, e o nomeamento da súa sucesora, Ángeles Tilve. O voceiro nacionalista mostrouse moi crítico coa decisión do actual goberno popular e chegou a cualificar de "bomba de reloxería" no funcionamento da institución o feito de nomear directamente á nova directora sen abrir un procedemento público, o que, segundo dixo, leva ao deputado delegado do Museo a exercer a dirección de facto, algo que, tamén segundo a súa opinión, nunca antes sucedera. "É a primeira vez que un deputado se pon á fronte. Iso é unha modificación dun calibre elevadísimo, unha auténtica bomba de reloxería no Museo", insistiu. 

Mosquera tamén lle afeou a Domínguez as referencias a que os cambios na dirección do Museo obedecen a cambios normais de novos gobernos. "As direccións de confianza en certos postos ou institucións si se cambian, pero os museos deben ter certa autonomía e todos os museos que non son chiringos moi desvalorizados, todos, funcionan doutra maneira". Finalmente, sinalou que "unha persoa nomeada a dedo queda sen ningunha autonomía aparecendo un tipo de funcionamento que vai ser moi perigoso e, se non, ao tempo".


Font: "Es vergonzosa la falta de respeto al Consello asesor"
O voceiro do Grupo provincial socialista, Carlos López Font, quixo mostrar este venres o seu apoio e o do seu partido aos membros do Consello asesor do Museo de Pontevedra, que presentaron esta semana a súa renuncia en desacordo coas decisións tomadas polo vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez con respecto á institución museística, e máis concretamente no que se refire á destitución do que era o seu director, Xosé Manuel Rey. "Desde el Grupo provincial socialista, queremos darles las gracias por su valentía y por su coraje. Decirles que compartimos todas sus reflexiones", dixo en referencia ao escrito que os membros do consello presentaron por rexistro e no que expoñían as razóns que os levaban a dimitir. 
"Es evidente que ha vuelto la arbitrariedad, las decisiones partidistas y la absoluta falta de conocimiento de un Partido Popular, que siempre intenta usar las instituciones culturales para manipularlas", sinala López Font nun audio facilitado aos medios. "Es vergonzosa la falta de respeto e incluso de educación de Domínguez al no haber tenido tiempo para reunirse con el Consello asesor del Museo de Pontevedra mientras sí se reunía con personas y asociaciones que nada tienen que ver con la Deputación para tomar decisiones". E remata: "Es muy posible que el señor Domínguez sepa de medicina, pero nada de nada de cultura ni de museos".

Comentarios