Un podcast promocionará Xeración Sónica

O programa municipal, dirixido a rapazada de entre 13 e 16 anos, abre o seu prazo de inscrición e busca consolidar unha colaboración permanente coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Unha sesión de traballo de Xeración Sónica no Local de Música. GONZALO GARCÍA| AQUIVO DP
photo_camera Unha sesión de traballo de Xeración Sónica no Local de Música. GONZALO GARCÍA| AQUIVO DP

"Continuamos co obxectivo anual de atopar mozos e mozas da cidade de Pontevedra que se unan en equipos creativos para dar vida a proxectos musicais". O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este martes, xunto a Violeta Morquera (Bala), a quinta edición do programa Xeración Sónica, un proxecto que asesora a mozos e mozas de entre 13 e 16 anos que queren formar bandas de música, e que este curso vai tratar de poñer en marcha novas ferramentas de promoción dos seus contidos, como un podcast ou colaboracións con streamers. A maiores, segundo tamén se anunciou, a iniciativa quere consolidar unha colaboración permanente coa Facultade de Ciencias Sociais, na que leva insistindo hai tempo, para tratar de que o alumnado de Comunicación Audiovisual realice videoclips para os grupos que saen deste programa.

Os coordinadores de Xeración Sónica, que son a propia Violeta Mosquera xunto a Gonzalo Maceira e Alejandro Alonso Gayoso (todos mestres da escola de artes Bonobo), montan e fan de titores de seis bandas, coas que traballan no Local de Música, espazo municipal de ensaio a disposición de grupos da cidade. Desta maneira, o programa, que se puxo en marcha en 2018, cobre o baleiro que queda entre que a rapazada ten que deixar, aos 13 anos, os obradoiros municipais infantís de música, Rocklab (que tamén xestiona a xente de Bonobo), e pode usar o Local de Música pola súa conta, a partir dos 16 anos. Oubiña e Mosquera anunciaron que o prazo de inscrición en Xeración Sónica está aberto ata o 10 de outubro(apuntate.pontevedra.gal). Segundo afirma o Concello, preto de 60 rapazas e rapaces poderán formar parte do programa. Unha vez recibidas todas as solicitudes, farase unha selección para crear as bandas coas que se traballará na iniciativa.

As audicións serán o 13 de outubro. O comezo oficial da actividade, o xoves 20. "A partir de aí é cando se fai o traballo de cohesión de grupos. Despois empezamos a traballar nas cancións". 

En decembro, como vén sendo habitual, sairá o recompilatorio de temas da edición anterior, que acostuman a gravarse nos meses de xullo e agosto de xeito profesional no estudo Bonobo.

"Como particularidade, este ano, por temas de idade, toca darlle o relevo a certos proxectos que levaban varios anos dentro do programa. Así que incorporaremos catro bandas novas", anunciou Violeta Mosquera. "Vai supoñer unha entrada potente de xente diferente". 

A música e mestra contou que o programa, na que só se traballa con creacións inéditas e en lingua galega, se basea fundamentalmente en darlle ferramentas aos grupos para que funcionen de forma autónoma. "Seguimos na liña de seguir compaxinando composición e creación musical dándolles ferramentas, por exemplo, de gravación on-line gratuítas, algo que multiplica as posibilidades de creación colectiva", dixo. "Tamén queremos seguir realizando actuacións musicais porque vivir a experiencia de subir a un escenario e experimentar os nervos do directo é unha experiencia súper chula".

Comentarios