Cunha xornada maratoniana de música en directo, que comezou a mediodía e rematou de madrugada, pechouse o Galegote, o festival de música en galego de Pontevedra, que en 2022 cumpre dez anos de vida. Os concertos de Berto, Grampoder, Eladio y los Seres Queridos, Zeltia Irevire e Moucho, ademais de dúas sesións de DJ a cargo a Kris K e de Carlos Crespo, compoñían a programación deste sábado, coa que se clausuraban tres días de concertos gratuítos, promovidos polo Concello e repartidos por distintos locais e espazos da cidade. As últimas propostas tiveron lugar na tapería Tabula Rasa, no Campiño de Santa María, na Praza Celso García de la Riega, no bar O Diaño. no bar El Pequeño e na sala Karma.
"O balance que podemos facer é moi positivo", dicía este sábado o coordinador do festival, Marcos Rivas (da promotora Jack-Jack). "Os concertos funcionaron moi ben todos os días, pero o de hoxe [polo sábado] está sendo realmente moi guai. Xa na primeira actuación, a de Moucho, xuntouse moitísima xente. Na de Eladio no Campiño, igual. E O Diaño pola tarde estaba a rebentar".
"Vexo as barras dos bares cheas de xente e vexo ao público gozando dos concertos de pé e cunha cervexa ou o que sexa na man. Non ten nada que ver con ver á xente sentada e separada"
O coordinador recoñécese satisfeito pola recuperación deste formato de festival que vincula os concertos a distintos establecementos, unha forma de contribuír á recuperación da hostalería local tras dous anos de pandemia. O Galegote do ano pasado celebrouse en espazos acoutados, co público en cadeiras e con limitación da cabida. "Estou contento porque isto xa é outra cousa. Vexo as barras dos bares cheas de xente e vexo ao público gozando dos concertos de pé e cunha cervexa ou o que sexa na man. Non ten nada que ver con ver á xente sentada e separada".
O Galegote comezou este xoves cun concerto de High Paw, no Grifón. Seguiulle outro de Copa Turbo en El Pequeño. O venres foi a vez de Os Silvestres no Diaño e de Ruxe Ruxe na sala Karma. Este último concerto foi especialmente significativo: a banda formara parte do cartel da primeira edición do evento. Precisamente para festexar os dez anos de vida do Galegote, Gero Costas (Producciones Mutantes) realizou un vídeo promocional do festival no que aparece dende xente anónima a músicos como Antón Reixa e Ortiga.