Poesía, arte e música foron os protagonistas da gala do Premio Internacional Carlos Oroza

Ao acto asistiron Lupe Gómez, gañadora na modalidade de galego, e Amancio Prada, que recibiu o recoñecemento ao mellor proxecto musical de divulgación da poesía. O vencedor en castelán, Morales Monterríos, participou desde Chile
Os membros da Asociación Évame Oroza, organizadores da gala, xunto ás autoridades e os premiados, o pasado venres, no Auditorio de Afundación en Vigo.
photo_camera Os membros da Asociación Évame Oroza, organizadores da gala, xunto ás autoridades e os premiados, o pasado venres, no Auditorio de Afundación en Vigo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Este venres tivo lugar, no auditorio da Afundación en Vigo, a gala de entrega da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nun emocionante acto no que a poesía, a música e o arte foron os verdadeiros protagonistas.

No evento participaron Lupe Gómez (gañadora modalidade de galego) e Amancio Prada (recoñecemento ao mellor proxecto musical de divulgación da poesía), mentres que a Morales Monterríos saudou e agradeceu o premio a través dun vídeo gravado nun lugar cheo de maxia, a Fundación Neruda en Isla Negra.

Durante a gala, o público desfrutou da actuación de Uxía Senlle, voz, sensibilidade e poesía a partes iguais, e que quixo homenaxear a Amancio Prada, a quen recoñece como mestre. Ambos ofreceron un final inigualabel, ao cantar xuntos a capela, nun momento que non van poder esquecer os asistentes á gala.

Lupe Gómez Arto, gañadora do Premio Carlos Oroza na modalidade de galego coa sua obra Herbario da noite pecha, recolleu o premio de mans de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura. A autora recordou os seus anos de vida en Vigo e a súa amizade con Uxío Novoneyra, e comentou que «se Oroza era amigo de Novoneyra, tamén era o seu amigo».

Amancio Prada improvisando unha canción con Uxía Senlle. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Amancio Prada improvisando unha canción con Uxía Senlle. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Amancio, ao recoller o premio, comezou a súa intervención falando en galego e destacou que "a letra con música entra" e recordou que el entrou na poesía grazas a Rosalía de Castro.

Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, felicitou as persoas premiadas e recoñeceu o traballo da asociación, recordando que foi quen de poñer de acordo a todo o Parlamento Galego para que se aprobase por unanimidade a celebración do ano do centenario de Oroza. Este premio é patrocinado pola Xunta de Galicia, que acompañou á Asociación Évame Oroza neste primeiro ano de vida.

Lupe Gómez recolleu o seu premio de mans de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta. J.L.O.
Lupe Gómez recolleu o seu premio de mans de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta. J.L.O.

PRESENTACIÓN DE OROZA 100. Na gala tamén se presentou o libro homenaxe Oroza 100, no que se poden atopar máis de cen participacións de persoas chegadas de diversas disciplinas artísticas e do círculo persoal do poeta para homenaxealo no seu centenario. Foi presentado polo escritor Alberto Avendaño, un dos coordinadores do volume, e Marina Oroza, filla do xenial autor, que "destacou a súa emoción por estar neste acto".

Entre os asistentes á gala estiveron o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a deputada provincial de Turismo, Nava Castro; o presidente da Asociación Évame Oroza, Xabier Romero; os presidentes do xurado dos premios literarios (Antonio García Teijeiro, escritor e presidente do xurado da modalidade de galego e Ignacio Gómez de Liaño, escritor e presidente da modalidade en castelán); os pintores Antón Lamazares e José Freixanes; o produtor Javier Monforte e moitos dos escritores que participaron no Oroza 100.

Comentarios