ACTOS DO DÍA

Poesía e música por María Victoria Moreno

A xornada estará cargada de homenaxes culturais

María Victoria Moreno. EP
photo_camera María Victoria Moreno. EP

CO GALLO DO Día das Letras Galegas, dedicado este ano a María Victoria Moreno, o mundo da cultura renderalle tributo con numerosos actos e cerimonias. Pola mañán, terá lugar un evento no Teatro Principal organizado pola Real Academia Galega da Lingua.

A Academia celebrará o seu pleno extraordinario no Teatro Principal ás 12.30 horas na que tomarán a palabra tres membros de número moi vinculados a ela por distintas razóns: Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero ofrecerán tres olladas persoais á vida e á obra da autora neste acto, aberto ao público ata completar capacidade. A sesión concluirá coa intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey serán as encargadas de abrir o evento. Casalderrey comparte con María Victoria Moreno a condición de pontevedresa e foi ademais alumna dela nos cursos de literatura galegas que impartiu como mestra de mestres nos primeiros anos 80. Ambas as académicas son, como a homenaxeada, persoas moi vinculadas á xente nova desde o ámbito laboral: Marilar Aleixandre é catedrática ad honorem de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela e Fina Casalderrey foi mestra.

Pola tarde será o turno da música. A Banda de Música de Salcedo, baixo a batuta de Marcel van Bree, actuará no Teatro Principal ás 18.00 horas. O repertorio comezará coas Brisas do Alberri, de Enrique Castro; Fantasía para saxofón e banda, de Jules Demmersemann coa colaboración de Rubén Fraga ao saxofón alto; Lonxe da terriña, de Xoán Montes, e o arranxo de Diego J. Lorente de Lela con Sonia Bouzada Pérez co soprano; Non chores, Sabeliña, de Gustavo Freire, e Negra sombra, de Xoán Montes, co Bouzada ó soprano. A entrada será de balde ate completar a cabida.

A Asociación sociocultural O Burgo organizou, coa colaboración da Concellería de Normalización Lingüística, un recital poético na Praza de Curros Enríquez a partir das 19.30 horas. A cita, dentro do programa de actividades Maio, mes da lingua contará coa actuación dun grupo de gaitas e cun breve concerto da Banda de Música de Pontevedra.

O Consello da Cultura Galega, pola súa banda, ofreceu este mércores un concerto a cargo da Real Filharmonía de Galicia en homenaxe a María Victoria Moreno: tivo lugar ás 21.00 horas no auditorio da sede Afundación de Pontevedra. Abriron o evento tocando a Alborada galega de Pascual Veiga e con tinuaron coa Dolora Sinfónica, de Gregorio Baudot, entre outras obras.

DE FEBREIRO A NOVEMBRO. A RAG escolleu o pasado mes de febreiro a cidade do Lérez para abrir a súa programación do Ano María Victoria Moreno xunto o CEP Marcos da Portela, en Monte Porreiro. A institución presentou a nova edición do proxecto web Primavera das Letras, primaveradasletras.gal, que fornece de recursos lúdicos e didácticos arredor do universo vital e literario da protagonista deste 17 de maio destinados os cativos e cativas de infantil e primaria.

Neste espazo xa están dispoñibles 14 actividades interactivas e seis fichas descargables que permiten profundar, da man de María Victoria Moreno, en competencias e contidos transversais do currículo escolar.

Este espazo, que a RAG ofrece coa colaboración da Fundación Barrié, tamén lle dedicará contidos ao longo deste ano, como como as Sete palabras de María Victoria Moreno que percorren a súa traxectoria ou outro dedicado á "amorosa autofonía" que mantiña, nas súas palabras, co idioma galego.

Os días 27 e 28 de novembro, a Academia celebrará na súa sede da Coruña o Simposio María Victoria Moreno: dúas xornadas nas que se afondará, a través das disertacións de diversos especialistas, na personalidade e no legado da autora. Aínda que a cita está destinada principalmente ao profesorado de lingua galega e literatura dos distintos ciclos e niveis, está aberto ao público en xeral.

Comentarios