sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

"A poesía de Xela Arias acelera o pulso como a música"

Teresa Cuíñas. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
Teresa Cuíñas. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
Teresa Cuíñas, é xornalista, e investigou a relación de Xela Arias coa escena musical máis que ninguén. E é a co- comisaria de 'CantáMola en galego' 

Xerais acaba de publicar ‘Cancións’ recompilando todas as letras que Xela Arias escribiu para o grupo de rock Desertores. Para iso serviu tamén este ano dedicado á poeta, para recuperar as súas cancións.

E se cadra para moitísima xente isto é unha sorpresa. Porque nin sequera a propia autora lle deu demasiada difusión. Moi poucas persoas coñecían que existía este material, así que apenas fora lido. Efectivamente este ano foi a oportunidade de sacalo á luz co motivo feliz do Día das Letras Galegas.

Vostede é a autora do prólogo deste libro porque a recuperación destas letras, algunhas inéditas, partiu da súa investigación sobre a relación de Xela Arias coa música.

Ela foi unha autora moi celosa do seu material. É sabido que hai máis libros inéditos da súa autoría, mesmo algún poemario que quedou finalista nalgún concurso importante, pero que ela decidiu non publicar. No caso das letras de cancións pasa algo parecido. Hai máis, pero dalgunhas, por exemplo, a autoría non é fácil de determinar ao cento por cento. Así que o que decidimos foi publicar as letras que xa foran recollidas nos discos e outras inéditas que ela lle entregou ao grupo, pero que non se incluíron nos dous discos que publicaron naquel momento. Respectamos desta maneira escrupulosamente a vontade da autora de que se coñeza só o que ela quería que se coñecera.

Era unha roqueira, como di a súa biógrafa Montse Pena?

Absolutamente. A min, que as roqueiras me gustan moito e que algunha vez soñei con ser tamén unha, latéxame forte o corazón cando leo a Xela Arias. Porque si que o era: de actitude, de corazón, de sensibilidade e de apariencia.

Autora moi do seu tempo, moi marcada polo espazo e polo momento no que viviu, mostrouse crítica co que se deu en chamar "a movida viguesa»", da que, pese a todo, parece ser filla.

Ela é crítica con iso como o era con todo. A súa reflexión sobre o mundo e sobre todo o que a rodeaba era sempre dende un punto de vista crítico. A movida non ía ser menos. Tampouco podemos esquecer que ela estaba posicionada na órbita da cultura galega e a movida estaba bastante distanciada dese ambiente. A maiores, vía moita pose en todo aquilo. Pero claro que é filla do seu tempo. Era unha muller que quixo probalo todo. Dá a sensación de que non se cortaba para nada e de que metía os fuciños nun montón de sitios como poucas se atrevían. Eu penso que non hai moitas como Xela. Non sei se fixo todo o que lle apeteceu, pero dende logo cabe pensar que actuou con moita liberdade.

Liberdade e rebeldía. "A rebelión, onde se encontran a poesía e o rock, é unha teima dotada con idéntica carga explosiva", escribe no prólogo de Cancións.

É así totalmente. Volvemos á actitude crítica ante o mundo, ao non aceptar as cousas como veñen, á protesta. Ao tempo é unha autora contraditoria, como se apreza nos seus propios versos. As súas cancións, por exemplo, son moi canónicas. Axústanse a esa rebeldía do rockeiro, do vou no coche a toda velocidade, da perdición dos bares, da perdición dos amores, da noite, das adiccións... Parece que quere cumprir con todos os clixés. Pero tamén deixa aquí plasmadas a súa intimidade e a súa coraxe. Quero dicir que tampouco é ningún disfraz: ela entra na música con todo o que ela é. Que os versos das cancións non son tan alambicados como os dos poemas, non. Que as metáforas non son tan audaces, seguro. Que a sintaxe e a gramática non están tan tensionadas, por suposto. Pero hai pegadas de todo iso nas cancións.

Dende Lou Reed, Chick Corea ou Juan Eduardo Cirlot, como referencias documentadas, ata esa teima final por facer unha versión musicada do seu último poemario, non se pode entender a Xela Arias deixando a música á marxe.

Non. Forma parte da súa pulsión creativa: dende a inspiración ata esa forma de construír os versos e esa búsqueda constante do ritmo. Ten unha sonoridade tan potente que, cando a les, todo retumba na cabeza. É moi evocadora. Paréceme que consegue esa aceleración do pulso e do sangue que sentes cando escoitas unha canción que che chega á alma. Xela provoca esa electricidade que provoca a música. Goza desa potencia.

Cancións presentarase en Culturgal [26-28 de novembro], onde tamén estará a exposición ‘CantáMola en galego’, da que é comisaria xunto a Pepe Cunha. Este proxecto é un encargo do Concello de Pontevedra a Pepe Cunha.

Como somos amigos, compartimos esta tolemia pola música e xa tiñamos feito algunha colaboración xuntos, convidoume a participar. A idea era facer unha exposición, destinada á mocidade, que mostrase que a música en galego era unha realidade moi viva. Centrámonos en facer unha compilación dos fitos dos últimos 20 anos e descubrimos que había moito máis do que imaxinabamos. E felizmente xa está quedando incompleta. Agora mesmo está xirando polos institutos e efectivamente estará en Culturgal. Tamén estivo no MUMi, o encontro transfronteirizo de músicas de Galicia e Portugal. Queremos falar de normalidade. Desgrazadamente a nosa cultura enfronta moitas dificultades neste sentido, a máis importante relacionada cos prexuízos que seguimos arrastrando. Aquí o que se trataba de mostrar é que unha canción pode ser tan mala ou tan boa en galego, en inglés ou en rumano. Hai que conseguir que o público se achegue con total naturalidade ao que cantan Grande Amore ou as Tanxugueiras

"A poesía de Xela Arias acelera o pulso como a música"
Comentarios
ç