Política Lingüística e Xuventude sacan un novo certame Lingua de Namorar

O concurso acada a sexta edición cunha participación media de medio milleiro de rapaces

 

Valentín García e Cecilia Vázquez presentan o certame. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Valentín García e Cecilia Vázquez presentan o certame. PEPE FERRÍN (AGN)

LUGO. A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta convocaron onte o sexto certame de declaracións de amor na rede Lingua de Namorar, no que participa cada ano máis de medio milleiro de mozos e mozas. Os premios entregaranse en Vigo, o 14 de febreiro, Día dos Namorados.

«O galego é, de sempre, lingua de namorar e queremos animar a mocidade para que así o siga sendo, para que sexa ferramenta útil dos seus afectos e das súas relacións interpersoais; para que siga tendo presenza na internet e nas tecnoloxías da comunicación», destacou o secretario xeral, Valentín García.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, valorou o feito de que Lingua de Namorar sexa hoxe en día un certame consolidado e en cada edición que se celebra con maior aceptación por parte dos mozos. Neste sentido, apuntou que «o evento está a cumprir un dos seus obxectivos, que é fomentar o uso do galego entre a xente nova e en calquera ámbito: o académico, o laboral, o social, o persoal e o familiar».

Cecilia Vázquez fixo fincapé «na oportunidade que supón este certame para impulsar e poñer en valor a creatividade e o talento da mocidade, que a través dos seus textos expresan libremente os seus pensamentos, inquedanzas e sentimentos».

PARTICIPACIÓN. A participación está aberta ata o vindeiro día 29 a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, que poderán concorrer coas súas mensaxes orixinais en dúas categorías de idade: de 14 a 19 anos e de 20 a 35 anos.

Os textos participantes deberán estar escritos en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes.

Para poder envialas, cómpre rexistrarse na web do concurso e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas na páxina.

Unha vez rematado o prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 30 deste mes ao 2 de febreiro.

Seis premios entre as 50 mellores
O xurado do concurso elixirá seis mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes e mais a listaxe cos nomes gañadores publicaranse na web do concurso e tamén no Portal da Lingua Galega Lingua. Gal o día 7 de febreiro. A maiores dos premios, incluirase para cada unha das seis premiadas cadansúa reprodución facsímile do ‘Pergamiño Vindel’, feita para celebrar o seu regreso a Vigo.
Patín
Establécense tres premios por categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a persoa gañadora do primeiro premio será galardoada cun patín Hoveboard Nilox. O segundo premio será unha cámara Fuji instantánea mini 9 e a do terceiro, un auricular Panasonic Diadema. Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) o primeiro recibirá un Smart TV Panasonic 32”; o segundo un Smartphone Wiko 5”, e o terceiro unha cámara Mini Wifi 2. 

Comentarios