Polo Correo do Vento inaugura o Ano de Luísa Villalta con 'Tinta do mar'

O colectivo pontevedrés lanza 3.000 exemplares do número nove da colección Mulleres galegas
Ilustración de Tania Solla incluída no libro que Polo Correo do Vento lle dedicou a Luísa Villalta.
photo_camera Ilustración de Tania Solla incluída no libro que Polo Correo do Vento lle dedicou a Luísa Villalta.

"Estamos encantados de ser os primeiros en publicar un volume sobre Luísa Villalta e estamos encantados de facelo dentro da colección Mulleres galegas", conta Kike Mauricio sobre Tinta do mar, o libro que o colectivo pontevedrés Polo Correo do Vento vén de publicar en homenaxe á autora á que en 2024 se lle dedica o Día das Letras Galegas. "Descubrimos unha muller comprometida e moi do seu tempo. É inevitable pensar como sería hoxe. Seguramente estaría metida en moitísimas cousas e seguiría loitando polo que cría".

A colección Mulleres galegas, composta por pequenas biografías ilustradas para a cativada, púxose en marcha no ano 2016 cun volume dedicado a Ángeles Alvariño. O de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) é o número once. 

"Era unha muller comprometida e moi do seu tempo. É inevitable pensar como sería hoxe. Seguramente estaría metida en moitísimas cousas e seguiría loitando polo que cría"

Desta volta o texto é directamente de Polo Correo do Vento, colectivo pontevedrés fundado en 2008 por Kike Mauricio e Carlos Taboada que traballa cunha órbita de colaboradores entre os que hai debuxantes, músicos e intérpretes de lingua de signos, e as ilustracións son de Tania Solla, que xa se encargou doutros volumes, como o dedicado a María Victoria Moreno. "O mellor do grupo de Polo Correo do Vento é que todos somos amigos, así que traballamos moi a gusto".

Explica Kike Mauricio que no libriño trataron de plasmar o compromiso de Villalta coa lingua, co ensino, coa ecoloxía, coa igualdade, coa dignidade humana e coa música. "Cando falei coa súa irmá non acabamos de concluír se estabamos ante unha violinista que escribía ou unha escritora que tocaba o violín. A música está totalmente unida á súa obra literaria".

O Prestige e o barrio do Papagaio

Precisamente, na pequena biografía de Polo Correo do Vento ponse o foco en compromisos concretos adqueridos por Villalta ao longo da vida. Aí está a súa visión crítica coa xestión da catástrofe do Prestige, como membro activo da plataforma Nunca Máis, ou coa reforma do barrio do Papagaio na Coruña, que quedou recollida nunha obra publicada de xeito póstumo. "Era un barrio onde traballaban mulleres que exercían a prostitución, que foron expulsadas cando se reconstruíu a zona. Ela, que era moi crítica coa especulación urbanística, converteuse na principal valedora daquelas mulleres que non tiñan voz".

Como é habitual, a obra, que chega ás librerías estes días, será un punto de apoio para o conxunto de actividades que Polo Correo do Vento pon en marcha arredor do 17 de maio. "De feito, este ano ampliamos as propostas para todas as idades". Ata o momento só as facían para cativada. "É dicir, preparamos por primeira vez adaptacións do contacontos dende para alumnado de infantil ata para de secundaria ou mesmo para adultos".

E despois de Luísa Villalta, a colección continuará. "Por suposto. Seguimos adiante co proxecto porque estamos encantados con el e con como funciona", di Mauricio. "Non estamos nada de acordo con esa visión pesimista das cousas que se dá dende distintos estamentos da cultura galega. Non pensamos nin que todo vaia mal nin que todo sexa un desastre. Somos un pequeno colectivo cunha pequena editora [Lela Edicións] moi orgulloso de todo o que fai. Vivimos do noso traballo e estamos felices de facelo. Quizais o que fai falta é un pouco máis de autocrítica".

Todas as mulleres da colección
1 * Ángeles Alvariño
2 * Maruja Mallo
3 * María Victoria Moreno
4 * Ernestina Otero
5 * Ángela Ruiz
6 * Daría González
7 * Matilde Bares
8 * Filomena Dato
9 * Xela Arias
10 * María Casares
11 * Luísa Villalta

Comentarios