Ponte Poética vólvese internacional

O ciclo poético incorpora literatos europeos de fóra da Península Ibérica e escenarios como as Ruínas de San Domingos ►"A poesía enchoupará as rúas", di Yolanda Castaño
Yolanda Castaño (dcha.) e Anxos Riveiro, na presentación do ciclo
photo_camera Yolanda Castaño (dcha.) e Anxos Riveiro, na presentación do ciclo

Ponte Poética medra un pouco máis. "Faise grande", dixo este mércores Yolanda Castaño. O Festival de Poesía de Pontevedra celebrará, entre o 7 e o 9 de abril, a súa sétima edición, engadindo oficialmente o apéndice ‘internacional’. Porque, se ben ata o momento sempre houbo presenza de autores portugueses, desta vez o evento incorpora a outras linguas europeas de fóra da Península Ibérica. Nesta sétima edición, a islandesa e a polaca.

É a principal novidade dunha proposta que este ano ten, entre os seus convidados, a autores tan importantes como Andrés Neuman e Bernardo Atxaga, encargados precisamente de impartir dous obradoiros poéticos que completarán os recitais, e que incorpora novos escenarios, como as Ruínas de San Domingos. "Estamos encantados de ser os encargados de recuperar este espazo para a actividade cultural", explicou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, na presentación de Ponte Poética, na que estivo acompañada por Castaño, coordinadora, e por Antón Sobral, membro do Ateneo, a institución que promove a programación. Riveiro aproveitou para agradecerlle ao Museo de Pontevedra e á Deputación, nomeadamente a Carlos Valle e a Xosé Leal, a súa disposición a participar na proposta. "A poesía enchoupará as rúas de Pontevedra", sentenciou Castaño.

PROTAGONISTAS. Na sétima edición de Ponte Poética exercerán como anfitrións catro autores galegos, "representantes de distintas xeracións e de distinto xénero", como son Ana Romaní, Cesáreo Sánchez Iglesias, Berta Dávila e Antón Lopo.

Do resto dos idiomas da Península están convidados Andrés Neuman, un dos autores en castelán máis importantes da súa xeración, gañador de premios como o Nacional da Crítica ou o Alfaguara; Mireia Calafell, "unha das voces poéticas catalanas máis destacadas da actualidade", Premio Lletra D’Or 2015; Bernardo Atxaga, autor vasco, con obra traducida a 32 linguas e gañador do Premio Nacional de Narrativa, entre outros, e João Luís Barreto Guimarães, portugués inquedo, poeta, médico e tradutor.

A eles sumaranse o islandés Sjón, "aunténtica estrela da edición deste ano", un dos autores máis importantes do seu país (entre outras cousas, letrista de cantante Björk, e nomeado a un Oscar por Dancer in the dark), e a polaca Grazyna Wojcieszko, que vive entre Cracovia e Bruxelas, onde traballa na Comisión Europea, e que o ano pasado se fixo co Grand Prix Strzelin.

Comentarios