Ponteatro animará outubro e novembro con catro obras no Principal e dúas no Pazo

Incendiaria & A Quinta do Cuadrante, Producións Teatrais Excéntricas, Luis Iglesias e Marcos Orsi, Matrioshka, Carmelo Gómez e o Centro Dramático Galego protagonizarán a programación
Producións Teatrais Excéntricas traerá a Pontevedra A estrela do día. P.T.E.
photo_camera Producións Teatrais Excéntricas traerá a Pontevedra 'A estrela do día'. P.T.E.

Unha escolma do mellor teatro en galego chegará ao Principal en outubro e novembro dentro do ciclo Ponteatro. Serán catro espectáculos que manterán o prezo habitual de oito euros (catro para estudantes, desempregados e xubilados) e que recupera o formato de abonos a un custo de 28 euros. As entradas estarán á venda a partir do mércores en Ataquilla.com.

Programación O telescopio da culturaAs obras que se poñerán en escena no Principal son A lúa vai encuberta de Incendiaria & A Quinta do Cuadrante; A estrela do día de Producións Teatrais Excéntricas; Conexión Pingüín con Luis Iglesia e Marcos Orsi e Comando Comadres de Matrioshka Teatro.

Completarán o ciclo A vueltas con Lorca de Carmelo Gómez e a gran produción do Centro Dramático Galego O charco de Ulises, ambas xa no Pazo da Cultura e que sacarán as entradas á venda proximamente.

A estas propostas culturais súmanse outras, algunhas xa presentadas, como o concerto de Silvia Pérez Cruz, que este luns sacou novas entradas á venda por mor da ampliación real do aforo ao 75%; ou As Matinés con Balthazar e Maika Makovski (ambas no Pazo e con próxima ampliación de entradas); e o ciclo cultural Guerrilla, que tamén ampliará o seu aforo para os espectáculos do 7,8 e 9 de outubro no Principal. Tamén os concertos de Madeleine Peyroux, para o que se prevía poñer as entradas á venda entre o luns e este martes; o de Carlos Núñez en decembro e a exposición en decembro e xaneiro Queridas cousas: historias vestidas, coas deseñadoras e deseñadores máis prometedores do panorama galego actual, ademais da celebración dos Premios Galegos da Música Martín Códax e o Culturgal.

Así mesmo, e aínda que non figura no programa cultural impreso porque non deu tempo a incluílo, o día 11 deste mes ás 20.00 horas terá lugar no Principal a presentación do libro de Anxo Lugilde A vella compañeira, coa participación da doutora psquiatra Iria Veiga (coñecida en redes como Raíña Vermella e autora do podcast Balea Vermella) e unha xornalista para guiar o debate.


A web O Telescopio da Cultura, novo referente de consulta
A concelleira Carme Fouces presentou este luns O Telescopio da Cultura, referente a partir de agora para estar ao tanto da actividade cultural que teña lugar no Pazo da Cultura, no Teatro Principal e no Recinto Feiral. Con formato de páxina web unificará a información que antes aparecía na extinta web do Pazo, no apartado de Axenda Cultural da web do Concello e na páxina principal deste.

Conta tamén cun formato de revista semestral, aínda que esta primeira saíu con algo de retraso por mor nos cambios permanentes nos aforos e as restricións sanitarias e tamén polas obras do Principal. A partir deste martes estarán a disposición no Concello, na Casa da Luz, no Pazo e no Teatro.

Debut volve ao Recinto Feiral en novembro
Tras o seu peche como punto de vacinación masiva da área sanitaria, o Recinto Feiral de Pontevedra vai recuperando a súa actividade normal. Así, Debut, o desfile de moda no que se presentan as coleccións das egresadas e egresados no mestrado universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da UVigo, volverá celebrarse nese espazo. Será o 18 de novembro.

Por outra banda, aínda que as obras programadas no Teatro Principal serán finalmente compatibles coa programación de novembro e decembro e poderán celebrarse alí con normalidade, As Matinés permanecerán no Auditorio do Pazo da Cultura, porque as entradas xa se puxeran á venda e non é posible mudalas, segundo explicou este luns a concelleira Carme Fouces.

Comentarios