O ciclo Ponteatro trae a Pontevedra as postas en escena de 'Continente María' e 'Hamelin'

A programación teatral do Concello está conformada por seis obras que se poderán ver entre febreiro e abril ▶ Entre as propostas, a ópera rock de Malasombra e a posta en escena de La Dramática Errante inspirada no caso de Altsasu
A concelleira de Cultura, Carme Fouces, co cartel de Ponteatro. GONZALO GARCÍA
photo_camera A concelleira de Cultura, Carme Fouces, co cartel de Ponteatro. GONZALO GARCÍA

Seis obras conforman a nova programación teatral do Concello de Pontevedra, Ponteatro, que se desenvolverá entre febreiro e abril. Todas as representacións terán lugar no Teatro Principal (21.00 horas) salvo a última, que ocupará o escenario do Pazo da Cultura. Propostas inspiradas na biografía de María Casares ou no caso de Altsasu forman parte do ciclo que ten, tanto as entradas individuais (8 euros) como os abonos (32 euros), á venda en ataquilla.com

"A maioría das temáticas están moi relacionadas coa denuncia social. Hai anos era o cine o que atopaba inspiración neste tipo de cuestións. Na actualidade está sendo o teatro. Entre outras cousas, estas obras achéganse a cuestións como a memoria histórica, o feminismo ou a pederastia", explicou a concelleira de Cultura, Carme Fouces. "As seis obras que traemos son de primeiro nivel".

A programación abriraa o 9 de febreiro a actriz Iria Pinheiro coa obra Miss Docet, da que é coautora xunto a María Reimóndez. Recrea a historia de Emilia Docet, Miss España no ano 1933 e militante do Partido Galeguista.

Melania Cruz nun momento de 'Continente María'. CEDIDA
Melania Cruz nun momento de 'Continente María'. CEDIDA

Seguiralle, o 2 de marzo, a ópera rock Vox populi, da compañía Malasombra. A peza achégase ao auxe da ultradereita en todo o mundo. A actriz María Costas, afincada en Pontevedra, é unha das súas protagonistas.

A adaptación ao galego, por parte de Álex Sampaio, de Hamelin, a obra de teatro que lle valeu o Premio Max en 2006 a Juan Mayorga e a súa consagración definitiva como autor dramático de referencia en España, poderase ver en Pontevedra o 9 de marzo. A peza reversiona o conto infantil para tratar o tema da pederastia. 

Cándido Pazó é o director de Morte accidental dun anarquista, texto do italiano Dario Fo (Premio Nobel de Literatura de 1997), que fixo seu esta temporada Talía Teatro. Verase o 30 de marzo no Teatro Principal.

Continente María, a obra dirixida por Tito Asorey no centenario do nacemento de María Casares, chegará a Ponteatro o 20 de abril. Melania Cruz é a protagonista desta peza, que homenaxea á actriz galega.

O ciclo pecharase con Altsasu, obra de La Dramática Errante inspirada no caso real sucedido no bar Koxka de Altsasu, Navarra, en 2016, cando dous axentes da Garda Civil e as súas parellas se viron implicados nun altercado con varios veciños. Os feitos acabaron denunciados ante a Audiencia Nacional e sete persoas foron acusadas de terrorismo e ingresaron en prisión inmediatamente. Poderase ver o 22 de abril

Comentarios