Pontevedra acollerá "o primeiro concerto deste novo mundo"

Guadi Galego e Xabier Díaz protagonizarán, o 4 de xullo, na explanada do Pazo da Cultura, a actuación co que o Concello de Pontevedra reactiva a súa programación cultural

Xabier Diaz, Guadi Galego e Carme Fouces presentaron o concerto que ofrecerán o 4 de xullo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Xabier Diaz, Guadi Galego e Carme Fouces presentaron o concerto que ofrecerán o 4 de xullo. GONZALO GARCÍA

"É un pracer está aquí hoxe para anunciar o que será o primeiro concerto deste novo mundo". O músico Xabier Díaz referíase desta maneira á actuación coa que o Concello de Pontevedra reactiva a súa programación cultural. Nela compartirá escenario con Guadi Galego. Celebrarase o 4 de xullo na explanada do Pazo da Cultura, cun aforo reducido a 600 persoas. As entradas, de 18 euros (con descontos do 20% para desempregados), poñeranse á venda en ataquilla.com.

Xabier Díaz virá a Pontevedra acompañado de Adufeiras de Salitre, coas que acaba de publicar un disco, As catedrais silenciadas, que tiña previsto presentar na capital da provincia dentro do ciclo Matinés do Principal en maio.

No caso de Guadi Galego, que tocará xunto á súa banda habitual, tiña que vir á cidade en outubro para pechar aquí a xira do seu último traballo, Immersion, e do ciclo 'Voices'.

As circunstancias especiais derivadas do estado de alarma obrigaron a reorganizar toda a programación cultural do Concello de Pontevedra e, segundo explicou a concelleira Carme Fouces, unha solución que atoparon para manter a súa liña de "non cancelar" foi reunir aos dous artistas nun concerto especial de 'Voices'.

A concelleira insistiu en que a actuación se celebrará seguindo todas a medidas hixiénicas e de seguridade recomendadas, e que estaba suxeita a calquera tipo de cambio que se poida producir neste sentido. "A maiores, apelamos á responsabilidade individual dos espectadores para que todo saia ben", dixo. Igualmente, Fouces indicou que a organización do espectáculo se enmarcaba no apoio ao sector cultural galego que se estaba a facer dende o Concello e á reactivación da economía local, "tratando de darlle un impulso tamén á hostalería da cidade".

Tanto Guadi Galego como Xabier Díaz tamén referíronse á importancia da reactivación do sector cultural a través de concertos como este de Pontevedra, "que vai servir tamén para pulsar como podemos funcionar nesta nova etapa".

Comentarios