Pontevedra celebra o Día das Artes Galegas da man da Deputación

Laxeiro protagoniza un encontro escolar pictórico e unha serie de visitas guiadas no Museo
Alumnos do CEIP Campolongo no encontro pictórico de escolares celebrado na Deputación. DEPUTACIÓN
photo_camera Alumnos do CEIP Campolongo no encontro pictórico de escolares celebrado na Deputación. DEPUTACIÓN

A Deputación de Pontevedra celebrou por partida dobre o 1 de abril, o Día das Artes Galegas, que este ano se lle dedica a Laxeiro.

Por unha banda, pola mañá, na sede da institución tivo lugar un encontro pictórico no que participaron escolares de Lalín, Vigo e Pontevedra, que realizaron a súa propia homenaxe ao pintor José Otero Abeledo. A maiores, o organismo provincial tamén desenvolverá proximamente, en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes, tres roteiros guiados por espazos das comarcas de Deza, Vigo e Pontevedra ligados á figura do creador.

Visita guiada á obra de Laxeiro no Museo polo Día das Artes Galegas. DAVID FREIRE
Visita guiada á obra de Laxeiro no Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE

Por outra banda, tamén comezaron as actividades en homenaxe a Laxeiro no Museo. Tanto este venres, como o próximo 8 de abril terán lugar visitas guiadas ás obras que forman parte da exposición permanente. Á parte, Migallas coordinará unha serie de obradoiros creativos durante todo o mes.