Pontevedra estreará o seu primeiro ciclo de danza no próximo mes de abril

O Concello formará parte do circuíto da futura convocatoria de Residencias Paraíso
Félix Fernández e Carme Fouces. GONZALO GARCÍA
photo_camera Félix Fernández e Carme Fouces. GONZALO GARCÍA

Entre os días 12 e 16 do próximo mes de abril, o Pazo da Cultura será o escenario escollido para a representación do primeiro ciclo de danza e artes en movemento na cidade de Pontevedra. Así o manifestou a concelleira de Cultura, Carme Fouces, na mañá de onte. Un ciclo do que, iso si, a propia Fouces recoñeceu que aínda non é posible adiantar a programación: "Aínda non podo desvelar a programación que estamos perfilando, pero traeremos o máis importante da danza contemporánea do momento".

Pese a que a danza xa estivera presente en distintas programacións ao longo destes anos, este será o primeiro ciclo que xire en torno a unha das ramas artísticas que, en palabras da concelleira, máis visibilidade necesitan na actualidade: "É unha aposta por esta arte escénica que precisa de máis pulo e visibilidade porque non hai tanta cultura de ver e entender a danza. En Pontevedra temos un público de teatro que vén educado desde moi novo con ciclos como Núbebes ou Domingos do Principal e chega a adulto con moito percorrido e sendo moi crítico. Hai que facer o mesmo co público de danza".

Ademais do ciclo, a outra novidade que se presentou na mañá de onte é a entrada do Concello de Pontevedra, primeira cidade da provincia en facelo, na próxima convocatoria (2023) do circuíto das Residencias Paraíso de Danza, dirixido por Caterina Valerio.

O presidente da Asociación Colectivo RPM e Co-coordinador do Programa Residencias Paraíso, Félix Fernández, explicou o funcionamento da iniciativa, que afronta xa a súa sétima convocatoria: "O proceso é que cara principios de ano abramos o prazo de recepción de proxectos –o ano pasado, por exemplo, saíron oito– e a partires de aí adoitan traballar sobre dúas ou tres semanas cunha asignación de entre 1.000 e 1.500€ por proxecto nos diferentes espazos adheridos".

Pasado ese lapso de tempo, os distintos proxectos abren as súas portas ao público, como indica Fernández: "Logo ten lugar a apertura do proceso creativo ao público, fanse actividades coa comunidade local deses espazos de acollida. As veces é un proxecto acabado e outras non. A fraxilidade do proxecto é moi interesante e tamén o feito de achegar á xente a como se crean estes espectáculos. As Residencias permiten investigar na creación artística con esta cobertura e facilita que se poidan coñecer a danza, as artes vivas do movemento e esta linguaxe as veces denostada por falta de coñecemento".

Ademais, Fernández tamén aproveitou a ocasión para agradecer aos organismos máis representativos do proxecto a súa colaboración: "As Residencias Paraíso son unha serie de espazos en rede, de norte a sur da nosa comunidade galega, que poden celebrarse grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e a coprodución dos Concellos de A Coruña, Santiago, Lugo, Carballo, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e, na vindeira convocatoria de 2023, tamén o Concello de Pontevedra".

Comentarios