Ademais do Flop Cinema xa rematados a primeiros de xuño, e dos Faladoiros diversos que este xoves chegan ao seu fin, o Concello de Pontevedra completa a programación de celebración do Día do Orgullo co agardado festival de música electrónica, Flop Festival. Será o vindeiro 13 de xullo no parque do Gafos, escenario dos últimos anos, onde se poderá escoitar doce horas de música continuada desde as 12.00 ata as 00.00 horas.
Nesta ocasión a programación pretende ser variada e diversa, xuntando o talento local con artistas de distintas procedencias e estilos musicais, ademais dun convidado internacional: Bell Towers. Tamén tocarán no Flop: Sano, Blue Lights in the basement, Samantha Hudson, More Amore, BabyKatze, Lua Zalamera, Nico, Certain People e Viktor Flores.