Pontevedra honra os contadores de historias

Un espectáculo reunirá a Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento polo Día Mundial da Narración Oral, que se celebrará de xeito simultáneo en toda Galicia ►Fina Casalderrey é a autora do manifesto
Xacobe Rodríguez (esquerda) e Carme da Silva cos carteis da actividade, este luns, na sala de prensa do Concello. GONZALO GARCÍA
photo_camera Xacobe Rodríguez (esquerda) e Carme da Silva cos carteis da actividade, este luns, na sala de prensa do Concello. GONZALO GARCÍA
Máis de 20 contadores participarán o sábado 20 de marzo na conmemoración simultánea en once localidades galegas do Día Internacional da Narración Oral. Un deses lugares será Pontevedra. A proposta, de feito, naceu aquí, no grupo de contacontos Pavís Pavós, que a desenvolveu en colaboración co Festival Atlántica de Santiago de Compostela e co apoio do colectivo galego Narración Oral Galega (Noga).

Os propios Pavís Pavós, xunto ás compañías Baobab e Migallas e ao colectivo Polo Correo do Vento, protagonizarán o espectáculo de contacontos co que se festexará a data en Pontevedra. Será no Teatro Principal (12.00 horas) coas medidas de seguridade vixentes (agora mesmo, con 98 butacas dispoñibles). As invitacións para asistir poden retirarse de balde en ataquilla.com.

Xacobe Rodríguez, de Pavís Pavós, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, explicaron este luns que a proposta galega conta cun manifesto redactado pola escritora e membro da Real Academia Galega (RAG) Fina Casalderrey. "Como diría o gran contador galego Xabier P. Docampo, contar é o acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar", di no texto.

Segundo explicou Pavís Pavós, a conmemoración do 20 de marzo comezou en Suecia en 1991 para estenderse rapidamente por todo o mundo. "Galicia non podía quedar fóra. Así que este ano fixemos chamamentos a bibliotecas, institucións e contadores, e todo o mundo respondeu moi ben".

A presentación dos actos do Día da Narración Oral serviulle ao Concello para facer unha reivindicación da cultura en vivo. "Esta é unha data festiva e reivindicativa", dixo Rodríguez. "No confinamento, a xente da narración oral fixo o que puido para axudar a levar un momento tan duro e estraño. Despois vimos as nosas actuacións suspendidas e adiadas. Agora é tempo de reclamar que a cultura é segura".

Comentarios