Pontevedra pon o foco do 25-N no negacionismo da violencia machista

O Concello deseña unha campaña apelando á responsabilidade dos homes e organiza unha programación que inclúe obradoiros, faladoiros e un cinefórum ▶ A xornalista Montse Fajardo será a encargada de redactar e ler o manifesto
Presentación da campaña do 25N no Concello de Pontevedra.
photo_camera Presentación da campaña do 25N no Concello de Pontevedra.

Segundo o Barómetro Juventud y Género de 2021, do Centro Reina Sofía, un de cada cinco varóns de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero "é un invento ideolóxico". O dato serviulle ao Concello de Pontevedra para deseñar a súa campaña arredor do 25 de novembro (25N), Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, poñendo o foco sobre o negacionismo machista, sobre todo entre os máis novos, ao tempo que alerta sobre a relación existente entre consumo de pornografía e prostitución e as violencias sexuais. Co lema Depende de ti, depende de nós, a campaña, que apela á responsabilidade dos homes, será presentada oficialmente o 14 de novembro, cando se despregue a pancarta institucional no balcón da Casa da Luz. 

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, acompañada pola directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, Rosa Campos, a axente de Igualdade Mercedes Renda e as coordinadoras do obradoiro Namórate de Ti, Patricia Maquieira e Tegra Gómez, presentou este martes a programación do Concello arredor do 25N. Ademais da campaña gráfica e do obradoiro de autoestima e empoderamente Namórate de Ti, inclúe unha serie de faladoiros feministas (que se desenvolverán entre o 26 de outubro e o 26 de novembro na Casa das Campás e nos que se tratarán temas relacionados coa discapacidade, a educación ou a mercantilización sexual), un cinefórum (o 16 de novembro no Teatro Principal, no que se poderá ver o documental Onde máis doe, de Manane Rodríguez) e un obradoiro de autodefensa (o 19 de novembro na Casa Azul).

Sobre esta última proposta, que se celebra por cuarto ano e que imparten especialistas da Policía Nacional, explicou Mercedes Renda que espertaba un gran interese. "Funciona ben tanto para mozas que senten medo ou se senten en situación de perigo, sobre todo a certas horas da noite ou cando marchan de ambientes de lecer, como para señoras maiores que senten perigo cando van cobrar a pensión e regresan a casa", dixo. "Teñas a idade que teñas e sexa cal sexa a túa condición física, temos posibilidade de prever a situación violenta e defendernos dela. Hai moitas mulleres que repiten, polo que mesmo pensamos en organizar outra convocatoria en xaneiro".

A lectura do manifesto institucional do 25-N terá lugar o 21 de novembro, no Pleno Municipal (como xa vén sendo habitual), e correrá a cargo da xornalista Montse Fajardo, que tamén se encargará de escribilo. 

Finalmente, a Concellería de Igualdade tamén programará no Teatro Principal a obra Cariño (23 de novembro), para diferentes institutos da cidade, e entregará o premio Ernestina Otero (17 de novembro). A maiores, colabora co acto do 25 de novembro que celebra a Deputación dentro do seu programa Mulleres en Acción. Violencia Zero.

Programación completa (horarios, inscricións, etc.) do 25N do Concello de Pontevedra, aquí

Comentarios