Pontevedra propón unha muller para as Letras 2018

O Concello de Pontevedra súmase á iniciativa de Polo Correo do Vento na que lle reclama á Academia da Lingua que lle adique a unha autora a próxima edición
Campaña 'Propón unha muller'
photo_camera Campaña 'Propón unha muller'

O Concello de Pontevedra vénse de sumar oficialmente á campaña Propón unha muller, unha iniciativa de Polo Correo do Vento, o proxecto editorial dos pontevedreses Enrique Mauricio e Carlos Taboada, que lle reclama á Real Academia Galega (RAG) que lle adique o vindeiro 17 de maio a unha autora.

"Trátase dunha campaña de sensibilización sobre o papel da muller na cultura e na sociedade galega mediante a activación de diferentes ámbitos e comunidades para facer un chamamento sobre a necesidade de ter máis mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, xornada de valor indiscutible para o noso país", explican Mauricio e Taboada. "A campaña terá custe cero e tentará que a xente se implique na necesidade que temos de cambiar unha situación de inxustiza: soamente tres mulleres contan con anos adicados á súa figura dende 1963, cando a RAG iniciou esta festividade literaria en Galicia".

A campaña de Polo Correo do Vento, que busca a implicación de institucións públicas como o Concello, pero tamén de centros escolares, empresas, institucións e cidadáns particulares, dará comezo oficialmente o 12 de xuño. Para axudar na concienciación, os responsables do proxecto facilitan o nome de dez candidatas: Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, Luísa Villalta, María Tobío, María Victoria Moreno, Pura Vázquez, Xela Arias e Xosefa Iglesias Vilarelle.

ACCIÓNS. Entre as accións que propoñen Mauricio e Taboada están as invitacións a colexios para elixir un académico e proporlle o nome dunha candidata ao Día das Letras ou traballar o asunto cunha serie de etiquetas (hasgtags) nas redes sociais , que impliquen á cidadanía. "Todo se realizaría baixo a escolla da etiqueta #Propónunhamuller, que podería ser completada por #nonhaiescusa ou semellantes". Polo Correo do Vento propón outros hastags como #Xavaisendohoraunhamullerparao18, #Nonhaiescusas, #Sonmoitasasmulleresepoucasasnomeadas, #esteanosi, #Temosmoitasescritorasedecalidade e #propónunhamullerparao18.

Segundo informou o Concello de Pontevedra, o alcalde sumouse á proposta de Polo Correo do Vento, enviándolle unha carta ao presidente da RAG, o pontevedrés Víctor Fernández Freixanes, na que se suma persoalmente á campaña, que xa apoian oficialmente as concellerías de Educación, Igualdade e Normalización Lingüística.

CARTA A FREIXANES. Na misiva, o alcalde agarda que se teñan en consideración as propostas achegadas polos promotores, "pois nos tempos que corren cómpre que o pobo galego una as súas forzas cara a unha maior visibilización das mulleres en todos os eidos, nomeadamente na cultura e na lingua, onde os referentes son sempre benvidos".

Ese é o final dunha carta que Lores comeza falando da obriga de incorporar ao ámbito público a figura de mulleres. "Como vostede ben sabe, a presenza das mulleres nas artes, na literatura e na ciencia é, hoxe por hoxe, escasa e pouco visíbel pola relación de desigualdade que leva sentada milenios da man da cultura patriarcal dominante", indica. "Só na política se teñen dado avances coa obriga de incorporar ás mulleres nas listas electorais e, grazas a iso, cando hoxe abrimos un xornal podemos ver a algunha muller protagonizando unha nova en roles diferentes aos clásicos machistas de beleza, compaña e coidados". Para Lores seguir "a dar pasos para avanzar no camiño á igualdade" é unha das razóns polas que se sumou á campaña de Polo Correo do Vento.

Entre as dez mulleres que propoñen Mauricio e Taboada para o Día das Letras Galegas de 2018 hai dúas pontevedresas: Avelina Valladares e María Victoria Moreno. Valladares foi unha das primeiras mulleres que publicou artigos de opinión na prensa escrita. Irmá do tamén escritor Marcial Valladares, empregou o galego como lingua dalgúns dos seus poemas.

Pola súa banda, María Victoria Moreno (1939-2005), a pesar de ter nacido en Estremadura, foi unha das autoras máis importantes da literatura infantil e xuvenil en galego de finais do século XX con títulos como Anagnórise. Afincada en Pontevedra dende 1963, foi mestra nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester.

Comentarios