Futuro

Pontevedra reivindícase como cidade cultural

Manuel Bragado, Manuel Morquecho, María Díaz, Ana Barreiro e Marta Guirado analizan a potencialidade do sector cultural local destacando as posibilidades do modelo urbano e a resposta do público. "É o momento de dar un paso máis alá da política de eventos"
Os participantes na mesa de análise fronte a un espello do Café Moderno.
photo_camera Os participantes na mesa de análise fronte a un espello do Café Moderno.

"Non é só que Pontevedra teña certa potencialidade no ámbito cultural, é que o de Pontevedra é unha realidade constatable". O responsable de Extensión Cultural do Campus de Pontevedra, Manuel Morquecho, asegura ter confirmado que a repercusión da programación cultural da cidade chega fóra de Galicia e que algunhas das convocatorias impactan polo seu éxito.

"En Pontevedra existen efectivamente varias citas culturais que son unha referencia", recoñecía hai uns días, durante unha visita á capital da provincia, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. "O Salón do Libro Infantil e Xuvenil e o Culturgal, por exemplo". Neses dous casos, e nalgún outro, o balance de asistentes deixa cada ano milleiros de persoas. Na cidade está ademais unha das editoriais de literatura infantil e xuvenil máis importantes de España, Kalandraka, e unha pequena produtora do audiovisual galego que conseguíu converterse nunha referencia no ámbito independente, Matriuska. En Pontevedra, a Universidade de Vigo aspira a poñer en marcha un espazo especializado, o Campus Crea, que agruparía, entre outras, as facultade de Belas Artes e de Comunicación Audiovisual, que xogan un papel determinante no que a formación de profesionais do sector cultural galego se refire. "Existe unha sensación xeral de que aquí está a pasar algo importante no ámbito cultural, que se move algo".

Manuel Morquecho: "Existe unha sensación xeral de que aquí está a pasar algo importante no ámbito cultural, que se move algo"

Manuel Morquecho, da Universidade de Vigo; o presidente da asociación Culturgal (que agrupa ás cinco asociacións profesionais máis importantes do sector en Galicia: AGE, Escena Galega, Agem, Eganet e Agapi), Manuel Bragado, e as empresarias María Díaz, da galería About Art, e Ana Barreiro e Marta Guirado, socias da empresa de xestión cultural Taller Abierto, coinciden, á hora de facer unha análise sobre o sector, en que Pontevedra é realmente unha cidade con moitas posibilidades no eido da cultura, aínda que tamén no esaxerado protagonismo dos eventos multitudinarios, así como na ausencia dun plan estratéxico que confirme unha aposta contundente polo sector. "Pontevedra ten diante un gran reto: definir o seu perfil como cidade da cultura ou non. É un reto político, pero tamén cidadán, que debería involucrar a todos os sectores sociais, dende o político ao económico e empresarial", conclúe Bragado.

RESPONSABILIDADES. Entre as cuestións pendentes está a de asumir responsabilidades. "Podería mencionarse, por exemplo, a desaparición da Bienal de Arte de Pontevedra, unha referencia no ámbito artístico, que unha decisión política eliminou, eliminando así todo o traballo feito ata o momento", explica María Díaz. "Ese tipo de cuestións debería coidarse. Custa moitísimo poñelas a andar e consolidalas, pero son moi sinxelas de perder, case dun día para outro. Simplemente demostra que a cuestión cultural non se toma en serio, que parece que no fondo non é importante ou dá igual".

Ana Barreiro: "La ciudad tiene puntos a favor como su estructura urbana amable o el campus, que debería aprovechar mucho más"

Todos eles pensan que a cidade conta ao seu favor con ese modelo urbano que acadou recoñecementos en foros de distintas partes do mundo e que acabou por proxectar "unha imaxe de cidade riquiña, que o sector cultural debería aproveitar", en palabras de Bragado. "La ciudad tiene puntos a favor como su tamaño, su estructura urbana amable o el campus, pero es inevitable pensar que todas esas ventajas parecen acabar convertidas en desventajas, porque luego no se les extrae todo el partido que tienen. Se deberían aprovechar muchísimo más", indica Ana Barreiro sobre un tema que corrobora a súa socia, Marta Guirado. "Existe una gran efervescencia en general, pero luego las iniciativas están desconectadas entre sí. Faltan sinergias y sobra competición".

 María Díaz: "A realidade é que non existe nin mercado nin masa crítica, que falta colaboración entre o público e o privado e que a Universidade funciona na súa burbulla" 

A situación da cidade no contexto galego é privilexiada para Manuel Bragado. "A primeira fortaleza que ten Pontevedra é a súa equidistancia, a súa centralidade, no mapa urbano de Galicia, que lle pode permitir unha especialización no ámbito das industrias culturais e creativas", explica. "Esa é a grande oportunidade que ten. Pode converterse no espazo cultural anexo ás cidades de Vigo e Compostela". Segundo o director de Culturgal, o lóxico sería aproveitar esa situación. "Hai que deseñar as políticas en función das posibilidades de mobilidade das comunidades. Neste sentido Pontevedra ten unhas posibilidades extraordinarias. Podería converterse facilmente nun polo de xestión cultural e de actividades creativas".

SITUACIÓN. A situación xeográfica determina, para Bragado, que a capital da provincia entre a colaborar con Vigo se de verdade aspira a converterse nunha cidade na que a cultura teña un peso específico que faga dela unha referencia. "Pontevedra debe ter moi claro que ten que entrar a colaborar coa área metropolitana de Vigo, dous territorios, por certo, os de Pontevedra e Vigo, sobre os que parece que a Xunta non opera, cando debería facelo. Iso tamén hai que lembralo".

Manuel Bragado: "Pontevedra debe ter claro que ten que entrar a colaborar coa área metropolitana de Vigo; dous territorios, por certo, nos que parece que non opera a Xunta, cando debería facelo"

Se se aspira a que o peso da industria cultural en Pontevedra sexa unha realidade, para Bragado, dende os distintos ámbitos implicados, débese reflexione sobre "que queremos ser?", di. "É o momento de dar un paso máis alá da política de eventos, por exitosos que sexan". Segundo o presidente do Culturgal, "Os eventos por si mesmos non xustifican nada, senón que son a manifestación dunha potencialidade no ámbito cultural, do interese do público. O que pasa é que moitas veces é preferible, porque é máis sinxelo e porque loce moito máis ,un evento que se encha de cativos e quede unha bonita inauguración...". "...que unha aposta a longo prazo", remata María Díaz.

A propietaria da galería About Art non está de acordo con esa premisa que Bragado propón a modo de pregunta. "O importante non é que queremos ser, senón que somos", explica. "Hai suficientes iniciativas postas en marcha, suficientes posibilidades abertas, apoiémolas, desenvolvámolas, consolidémolas".

ILLA DAS ESCULTURAS. Díaz volve mencionar a desaparición da Bienal de Arte e engade outro exemplo de proposta cultural de primeiro nivel, "non vou dicir abandonada, pero case": a Illa das Esculturas. "Estamos falando dun parque escultórico ao aire libre con obras de creadores de primeiro nivel, recoñecidos internacionalmente, ao que non se lle saca ningún partido", comenta. "Que o laberinto que deseñou Robert Morris para ese espazo estea nas condicións nas que está é unha vergoña para todos".

Marta Guirado: "Existe una gran efervescencia en general, pero luego las iniciativas están desconectadas entre sí. Faltan sinergias y sobra competición"

Bragado apoia a reflexión de María Díaz neste sentido. "É un exemplo máis do que supón a ausencia dunha estratexia que poña en valor o patrimonio de todos e a cultura, cando a política está precisamente para iso, para coidar o común".

Segundo a galerista, "a realidade é que non existe nin mercado nin masa crítica, que falta colaboración entre o público e o privado e que Universidade funciona na súa burbulla". Para ela, a situación do parque escultórico exemplifica un dos maiores problemas do sector cultural pontevedrés e galego: a atomización. "Cada un ocúpase do seu. Non existe traballo en común, non se coidan nin se potencian os proxectos e non se pensa no percorrido que poidan ter. Moitas veces, todo se reduce a que a cultura está mal enfocada".

Comentarios