Pontevedra súmase á celebración do bicentenario do Museo del Prado

Dentro da programación de aniversario, a institución madrileña mostrará 'Retrato de un médico', de El Greco, no Sexto Edificio

Retrato de un médico (esquerda), La expulsión de los mercaderes (arriba á dereita) e San Pedro e San Paulo. MUSEO
photo_camera 'Retrato de un médico' (esquerda), 'La expulsión de los mercaderes' (arriba á dereita) e 'San Pedro e San Paulo'. MUSEO

O Museo de Pontevedra é un dos centros de España que máis obra do Museo del Prado ten depositada. É unha das curiosidades que agocha a institución pontevedresa. A relación entre os dous entes vénse mantendo practicamente dende a fundación do primeiro, en 1927, e tivo un momento álxido da man das xestións de Francisco Javier Sánchez Cantón, pontevedrés que foi director de El Prado entre 1960 e 1968. Por iso, entre outras cousas, é que Pontevedra tiña que participar dalgunha maneira nas actividades do aniversario do bicentenario do museo madrileño. Farao dentro da programa denominado De Gira por España.

O Sexto Edificio acollerá, entre o 18 de marzo (11.30 horas) e o 21 de abril, a exposición da obra Retrato de un médico, asinado por El Greco en Toledo cara a 1582-1585. "O cabaleiro representado no lenzo do Museo del Prado foi identificado como médico por levar no dedo polgar un anel, distintivo entón desta profesión, e por aparecer o cadro así rexistrado nos inventarios do século XVII do Real Alcázar", explica a web do Museo de Pontevedra (museo.depo.gal). "Probablemente sexa un retrato de Luis Mercado, catedrático e médico da Real Cámara, ou de Rodrigo de la Fuente, o médico máis famoso de Toledo, segundo relatou Cervantes en La ilustre fregona. A composición lembra os retratos de intelectuais realizados en Venecia no século XVI, incluído o ademán retórico da man dereita".

A exposición da obra complementarase coa mostra doutras dúas pezas, tamén do Prado, depositadas en Pontevedra

CASTRO MONTEAGUDO. Na web do Museo explícase que, acompañando ao retrato de El Greco, se mostrarán dúas obras relacionadas con esa peza, ambas custodiadas no Museo de Pontevedra desde a década de 1940 e exhibidas desde entón no edificio Castro Monteagudo. Trátase de La expulsión de los mercaderes del templo, "unha destacada copia saída do activo taller de El Greco", e San Pedro e san Paulo, "unha copia anónima da primeira metade do século XVII que, nalgún momento, estivo atribuída a Jorge Manuel Theotocópuli, fillo e discípulo do mestre". Esta última é unha das moitas obras que o Museo Nacional del Prado mantén depositadas desde 1860 en diferentes museos de España, e forma parte do conxunto de 76 creacións que depositou no Museo de Pontevedra, algunhas delas desde a súa inauguración en 1929, segundo lembra a institución na súa web.

A iniciativa De Gira por España, posta en marcha o pasado 26 de novembro, leva obras fundamentais da colección de El Prado a diferentes museos españoles (un por cada comunidade autónoma, a excepción de Madrid) durante un mes. A maior parte das pinturas teñen que ver cos centros escollidos para acollelas. O Real Museo de Pinturas y Esculturas, o actual Museo Nacional del Prado, foi inaugurado en 1819.

Comentarios