Pontevedra súmase á petición da Sega para adicarlle o Día das Letras a Xela Arias

"Trátase dunha importantísima figura das letras galegas cun amplo currículo literario como escritora e tradutora", indica o Concello.

A escritora Xela Arias. ARCHIVO DP
photo_camera A escritora Xela Arias. ARCHIVO DP

O Concello de Pontevedra vén de facer público que apoia a iniciativa posta en marcha pola plataforma feminista de crítica literaria A Sega (responsable da celebración do Día das Galegas das Letras, entre outras cousas) para que a homenaxeada o 17 de maio de 2019 sexa a escritora Xela Arias (Sarria, Lugo, 1962-Vigo, 2003). "Trátase dunha importantísima figura das letras galegas cun amplo currículo literario como escritora e tradutora", indica o Concello.

A institución xa se sumara o ano pasado ás distintas iniciativas que reivindicaban que a Real Academia Galega (RAG) escollese mulleres para adicarlle o Día das Letras Galegas e axudar a corrixir a diferencia entre o número de autores e autoras homenaxeados. Só catro escritoras o foron dende 1963.

"O Concello segue a incidir na necesidade de visibilizar ás mulleres nas letras, e en que aínda queda moito camiño por andar, a pesar de ter nomeado a María Victoria Moreno para este 2018". A autora estremeña xa fora recoñecida por A Sega en 2015 durante o Día das Galegas nas Letras.

Para axudar na divulgación da iniciativa e sumar apoios, o colectivo feminista puxo en marcha o cancelo #XelaAriasDLG19 nas redes sociais. Ademais subíu tamén ás súas redes carteis cos que tomar fotos para difundir en apoio á candidatura.

Comentarios