Pontevedra terá Debut 2020, sen desfile pero con catro días de actividades

O Sexto Edificio acollerá a mostra Edición Limitada, coleccións de traballos do alumnado da Esdemga
Imaxe tomada durante a gravación do vídeo das coleccións de fin de estudos. DUVI
photo_camera Imaxe tomada durante a gravación do vídeo das coleccións de fin de estudos. DUVI

Haberá Debut 2020, aínda que sen pasarela. Así o confirmou este xoves a Universidade de Vigo. E é que a pandemia non permite a celebración do desfile no que cada ano os novos egresados da Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) amosan os seus traballos de fin de estudos no recinto feiral de Pontevedra. "Tivemos que adaptarnos e reinventarnos", salientou a directora da Escola, Lola Dopico, en declaracións recollidas polo Diario da UVigo. "Debut tamén é unha semana de formación e de actividades, na que tendemos pontes entre o alumnado que remata os seus estudos e o ámbito profesional", engadiu.

Deste xeito, desde o vindeiro luns 23 ata o 27 de novembro celebrarase esta convocatoria que inclúe un amplo programa de actividades formativas dirixidas ao alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, así como un encontro virtual dos novos egresados e egresadas con empresas do sector. Ademais, o xoves 26, abrirá as portas unha exposición cos proxectos levados a cabo polo alumnado no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e que leva por título Debut 2020. Edición Limitada. 

"Desde o principio, desbotamos a posibilidade de facer o desfile, pero si buscabamos alternativas, porque entendíamos que había varias cousas que podíamos facer para seguir amosando o traballo que facemos nas aulas e seguir tendendo pontes coa cidadanía, que para nós é algo moi importante", manifestou Dopico.

A exposición que poderá visitarse ata o 13 de decembro estará conformada por unha selección de proxectos realizados o pasado curso polo alumnado, no seu primeiro ano de formación do mestrado, o que contribuirá a achegar a cidadanía aos "procesos de aprendizaxe" nesta titulación da Facultade de Belas Artes. A mostra leva por título Edición limitada, nun xogo de palabras que fai referencia tanto ás limitacións obrigadas polas circunstancias, como á obrigada adaptación fai desta edición "única", en alusión ás coleccións cápsula que lanzan as firmas de moda durante un período limitado.

VÍDEO COAS COLECCIÓNS. Tal e como explica no Diario da UVigo a directora da Esdemga, a crise sanitaria motivou que para organizar esta exposición se contase con traballos de primeiro curso e non polos proxectos que realizaron os alumnos e alumnas de fin de estudos, "que son coleccións que o alumnado ten que presentar diante do tribunal", dada a complexidade que suporía combinar a propia avaliación coa súa exposición.

Visibilizar as coleccións finais do alumnado é un ano máis o obxectivo do Debut, polo que a UVigo vén de gravar un vídeo coas coleccións destes estudantes, "no que contamos con imaxes das coleccións fotos, do proceso de elaboración e con pequenas entrevistas ás e aos estudantes que rematan", explicou Dopico. O vídeo, que contou tamén coa "produción sonora en vivo" do grupo Fotogenia, que realizou unha composición ex profeso para esta peza audiovisual, difundirase a través das redes sociais na vindeira semana a fin de dar a coñecer todo o talento e a creatividade que sa coce entre as paredes da Esdemga.

Talleres presenciais e encontros virtuais
Talleres presenciais e outras propostas de carácter virtual conforman o amplo programa de actividades que abrangue esta edición do Debut. Este empeza o luns coa primeira xornada dun workshop sobre moulage, a cargo de José Carlos Herrera, “un dos maiores especialistas nesta técnica”, que constitúe, sinala Dopico. Tamén o luns celebrarase a primeira sesión dun taller sobre ilustración de moda a cargo da investigadora e ilustradora Marta Riera. O martes 24 terá lugar o seminario online Introdución á base de datos de tendencias WGSN, a cargo de Ivonne Soteras; mentres que o xoves levarase a cabo un taller virtual de introdución ao retoque fotográfico para moda, a cargo de Mariana Maglio, CEO da empresa White Retouch. Como en anteriores edicións, Debut pecharase coas Xornadas Técnicas de RRHH, dirixidas a que os novos titulados e tituladas poidan manter as súas primeiras entrevistas con representantes de recursos humanos de diferentes empresas do sector. Unhas xornadas que, nesta ocasión, desenvolveranse tamén de xeito virtual.

Comentarios