Saber máis...

Pontevedra vivirá un outono cultural

Concertos de Kings of Convenience e de Furious Monkey House destacan na última parte da programación cultural de Pontevedra para 2015, que inclúe oito representacións dentro de 'Ponteatro' e o nacemento dun festival de cine
O dúo noruegués Kings of Convenience
photo_camera O dúo noruegués Kings of Convenience

Preto de medio cento de actividades compoñen a programación cultural do Concello de Pontevedra de aquí a finais de ano nos distintos espazos que xestiona, fundamentalmente no Pazo da Cultura, o Teatro Principal e a Illa do Covo. Así vén de quedar desvelado nos cubos de información municipal que se instalan pola cidade, onde se debulla polo miúdo que concertos comporán o ciclo ‘'Imperdibles'’ e que obras '‘Ponteatro'’, dúas propostas consolidadas ás que se incorporan novidades como un festival de cine.

Segundo fontes municipais, a programación definitiva é esa que se fai pública nos carteis de rúa, aínda que pode darse algunha variación con respecto ás datas, que se confirmarán no momento no que se presente cada ciclo ou actividade individualmente.

Do conxunto da oferta cultural municipal destaca o ciclo ‘'Imperdibles'’, que coordina a promotora Esmerarte (Festival PortAmérica). A The Sonics, anunciados a semana pasada, sumaranse a banda de nenos de Pontevedra Furious Monkey House, que está a piques de sacar á rúa o seu primeiro disco, e o dúo noruegués Kings of Convenience, unha referencia do indie folk internacional que actuará cunha das ultimas revelacións do panorama estatal neste ámbito, Helena Goch.

Do mesmo xeito tamén chama a atención a programación de ‘'Ponteatro’', que reunirá oito das montaxes máis relevantes da temporada en Galicia. Poderanse ver as últimas propostas de Teatro do Morcego (‘Presidente’), Il Maquinario (‘Perplexo’), Antón Coucheiro (‘Psicópata’), Mofa e Befa (‘Bobas & Galegas’), Teatro do Atlántico (‘O principio de Arquímedes’), Cinema Sticado (‘Strpts’), Redrum (‘Noiteboa’) e Voadora (‘Waltz’).

No apartado escénico tamén se inclúen as xa coñecidas representacións de ‘En el estanque dorado’, de Summun Teatro, que tivo que ser aprazada no mes de maio por un accidente de Héctor Alterio, e de ‘Amigos ata a morte’, unha comedia de Javier Veiga, protagonizada por David Amor, Ledia Sola e Xosé A. Touriñán, que estreará a súa versión galega precisamente na capital da provincia.

COUSAS NOVAS. A programación cultural do Concello inclúe dúas novidades de relevancia. A primeira é que avanza a celebración dun festival de cine. Está anunciado para os días 12 e 13 de decembro e foi bautizado como Festival Internacional de Cinema de Pontevedra ‘'Prólogo’'.

A segunda é outro ciclo de actividades de diversa índole. Chámase Festival das Cóxegas e inclúe propostas musicais, de cabaret, danza e de monicreques.

O avance cultural tamén recolle que o Pazo da Cultura acollerá ata finais de ano catro exposicións. A primeira inaugúrase o vindeiro xoves e será unha mostra de pintura protagonizada por Juan Moreno Badía e Juan Rivas. Despois virán unha de fotografía de Santi Vega, unha de banda deseñada da escola O Garaxe Hermético e unha de boliños e encaixes.

O Concello inclúe ademais na súa programación a celebración da Feira Culturgal, entre o 4 e o 6 de decembro.

Cabaret, monicreques, danza e música mesturaranse no Festival das Cóxegas, unha novidade entre as propostas do último trimestre

Comentarios