O pontevedrés Daniel Sanmartín volverá facer soar o órgano de Santa Clara

O musicólogo tocará o instrumento no concerto que ofrecerá a Orquesta Clásica de Vigo o día 17 de maio na antiga igrexa conventual ▶Lores agarda chegar a un acordo coas clarisas para adquirir a peza, actualmente en depósito, e poder iniciar o seu proceso de restauración para que recupere "todo o seu esplendor"
Manuel Martínez xunto ao órgano de Santa Clara.
photo_camera Manuel Martínez xunto ao órgano de Santa Clara. GONZALO GARCÍA

Despois de cinco anos parado, o órgano de Santa Clara volverase escoitar en Pontevedra. Será o 17 de maio, nun concerto da Orquesta Clásica de Vigo, na que o musicólogo pontevedrés Daniel Sanmartín se encargará de tocar un instrumento que xa probou hai uns meses. A actuación foi presentada este venres polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo director da agrupación orquestral, Manuel Martínez Álvarez-Nava, que destacaron a singularidade desta peza, "a auténtica xoia da coroa deste espazo".

O recital, no que se interpretarán obras de Mozart, Andrea Luchesi e Philip Glass, comezará ás 20.00 horas e a entrada será libre e gratuíta ata completar cabida (por estrita orde de chegada). Segundo avanzou a concelleira Carme Fouces, a orquestra ocupará o espazo do coro, xunto ao órgano, e o público estará na antiga igrexa, de cara ao altar, "exactamente como se facía durante o culto", onde haberá unha pantalla que permitirá seguir a interpretación da orquestra e do organista.

Lores aproveitou a súa comparecencia para lembrar que o órgano de Santa Clara, o único ibérico (finais do século XVIII) que se conserva na provincia de Pontevedra (a excepción doutro da Catedral de Tui que permanece inoperativo), non é propiedade do Concello, senón que o mantén en depósito. A intención do alcalde é que se negocie coas clarisas a súa adquisición para, unha vez se produza a compra, poder empezar a traballar nun proceso de restauración que lle permita "recuperar todo o seu esplendor".

Martíñez Álvarez-Nava referiuse ao de Santa Clara como "un concerto único, moi especial" e contou que a idea de realizalo foi do propio Daniel Sanmartín. Explicou que todo o recital se concibiu cun propósito divulgativo, "para que a cidadanía coñeza o seu patrimonio".

Comentarios