O pontevedrés David Arosa gaña o certame Fas Muvis do Festival de Cine de Ourense

Formado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o director fíxose co galardón por unha curta titulada 'Na beira do Miño', que supón o seu debut como cineasta e que foi gravada en 48 horas
David Arosa, este martes en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera David Arosa, este martes en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Dura menos de nove minutos. Gravouse en menos de dous días. E editouse en catro. Cun equipo de cinco persoas. "Moitas destas cuestións son esixencias do propio certame", explica David Arosa (Pontevedra, 1999) sobre o que é o seu debut na dirección, a curtametraxe Na beira do Miño, coa que vén de gañar o concurso Fas Muvis, do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF).

Nani Matos e Vicente Mohedano son os protagonistas desta peza, que se pode ver na canle que ten o festival ourensán na plataforma Youtube. Na química entre os dous actores baséase boa parte desta historia, que vén a ser unha exaltación do poder da amizade. "O que buscabamos era precisamente retratar a amizade entre os seus dous protagonistas, que son dous homes con dous perfís completamente diferentes", conta David Arosa. "Por unha banda temos un crego, moi correcto, educado e ordenado e, por outra, un ateo, que leva unha vida máis ben desordenada e ao que, por exemplo, lle gusta xogar ás cartas ou ir de festa. Pero, pese ás súas diferenzas, son moi amigos. Teñen en común a afección pola pesca, así que se xuntan todos os sábados para tratar de capturar un peixe en concreto".

EQUIPO. Formado en Comunicación Audiovisual no Campus Universitario de Pontevedra, David Arosa rodeouse de amigos e coñecidos para rodar esta curta para Fas Muvis. Asina o guión con Pilar Mariño, que tamén é a produtora. Da cámara ocupouse Jorge Centeno e do son, Andrés Caamaño. O equipo técnico complétase con Marta Bouzas, porque unha das condicións de Fas Muvis é que non debe superar as cinco persoas.

"Este certame do OUFF ten unhas regras moi concretas. Unha é esa do número de persoas que pode formar parte do equipo técnico. Outra é o tempo que se lle pode dedicar ao traballo: debe gravarse en 48 horas e editarse en catro días". Así se indica na web do festival, onde se describe Fas Muvis. Límite 48h como "un concurso que busca promover a creación audiovisual entre os máis novos incentivando a gravar unha peza nun tempo limitado".

Dos 16 proxectos que se presentaron a esta sección do festival, seis foron os seleccionados. Na beira do Miño gravouse entre o venres 23 de setembro ás oito da mañá e o domingo 25 á mesma hora. Na semana seguinte foi cando se montou.

"Outra das condicións é que toda a rodaxe ten que transcorrer en Ourense e que, polo menos, o 40% da curta ten que ser en exteriores, é dicir, na cidade ou na contorna", explica o cineasta que di que recibir este premio o anima a seguir intentando sacar adiante proxectos.

"Que te premien supón un subidón. Funciona como unha inxección de enerxía. Dáche ánimos para seguir adiante. No meu caso, que ademais era o meu primeiro proxecto, é algo importante porque non saes completamente satisfeito do resultado, sempre ves cousas que che gustaría cambiar ou ter feito doutra maneira". Non o viu así o xurado do concurso, composto pola directora Ariadna Cordal, a directora de fotografía Ledicia Bellón e a profesora Diana Ramahí, que premiou o seu traballo "por partir da simplicidade dun relato con espírito de universalidade e explotar as posibilidades da expresión audiovisual, amosando un uso axeitado, preciso e coherente dos elementos da linguaxe, no que destaca especialmente a consecución dun elevado nivel de plasticidade nas imaxes que potencia esteticamente os elementos que se rexistran".

A David Arosa gustaríalle seguir dedicándose ao mundo do audiovisual. "Aínda que sei ben que é difícil entrar. Unha vez que te introduces, penso que é máis sinxelo seguir adiante, pero facerse un oco ao principio é difícil. Por iso tamén foi importante este premio, porque dalgún xeito confirmou que, á parte de ti e do teu equipo, máis xente desfrutou do que se fixo. Así que pensas, veña, pois hai que facer máis".

Comentarios