A pontevedresa Eva Mejuto álzase cos XVI Premios Barriga Verde

A escritora conquistou o galardón de teatro, categoría infantil, grazas a súa obra Os contos do Lobicán
A escritora Eva Mejuto. DAVID FREIRE
photo_camera A escritora Eva Mejuto. DAVID FREIRE

A escritora pontevedresa Eva Mejuto conquistou a XVI edición dos Premios Barriga Verde de teatro de monicreques, na categoría de público infantil. Un galardón entroncado nos premios de literatura dramática que a Xunta de Galicia convoca bienalmente.

A obra, Os contos do Lobicán, representa a súa primeira incursión no teatro, na que utilizou o verso para a súa composición. Unha incursión da que falou a propia autora: "Eu escribo contos infantís ou narrativa xuvenil. Esta é a miña primeira incursión no mundo do teatro. O que pasa é que a min, cando escribo, o que máis me gusta é recrear os diálogos. E o teatro finalmente é o diálogo. Encántame ler teatro porque é unha lectura moi dinámica. Entón foi experimentar con outra linguaxe, porque aparte este é teatro e poesía".

Sobre a propia obra e a súa concepción, Eva Mejuto declarou estar baseada nos contos que o seu pai lle contaba de pequena nas tardes de choiva: "O meu pai, que vai facer 92 anos, era un moi bo contador de historias cando eu era pequena. Teño o recordo moi nítido de estar con el de cativa, de que me meteran na cama nos días de choiva e me contaran contos. E nos contos el inventou un personaxe que se chamaba Lobicán, que para min e para a miña familia sempre foi moi entrañable. O lobicán é parte da nosa familia". Un personaxe, o Lobicán, que non deixaba de ser parte da infancia do seu pai: "O meu pai é de Boi Morto, do rural, e contaba historias de cando ía ás festas e alí estaban os lobos. Os contos de lobos forman parte da tradición. Foron moi importantes na tradición oral galega. Para a xente que non lía libros, que non foi a escola, que non tiña bibliotecas, pero tiña a palabra. E tiña tamén o conto narrado".

A autora considera esta obra, de feito, como unha homenaxe para toda esa xeración –encabezada no seu caso polo seu pai– que lle transmitiu a tradición oral: "Eu son lectora e son escritora en boa medida grazas aos contos que me contaba meu pai, así que estou moi contenta e emocionada por este premio porque é o agradecemento tanto ao meu pai como a esa xeración".

Os premios, sen embargo, non son algo que lle quite o soño a Mejuto. Interrogada polo galardón, así como por outros certames nos que resultou gañadora, non se deixa controlar pola euforia: "Gañar un premio está moi ben. É un recoñecemento a un traballo. Pero tamén entendo que os premios son circunstanciais e que moitas veces son conxunturais. Eu presenteime a moitos premios que non gañei e estaba contenta de todas formas".

Non obstante, a autora si que recoñece, amais da homenaxe ao seu pai, que hai algo neste premio que si que valora enormemente. Trátase da posta en valor dun xénero de tan pouca presenza na actualidade como é o teatro infantil: "Publicar teatro é difícil. O feito de que existan estes premios é un apoio á creación de textos teatrais, neste caso de monicreques. Son xéneros, tanto a poesía como o xénero dramático na literatura infantil, moi minoritarios. Hai moi pouco teatro para crianzas. Entón estes premios están ben porque incentivan esa creación. Vaise publicar un libro e ese libro vai axudar a que os pequenos poidan representar o texto nas escolas".

Unhas representacións, unha forma de levar á realidade as súas obras, na que a escritora ten o maior d os seus desexos con esta obra: "Eu non escribín esta historia para que quedase nun libro, senón para que volva a ser oral. Os contos que me contaba o meu pai eran de forma oral e espero que isto volva a funcionar oralmente. Este premio concretamente está feito por iso". Unha reflexión, esta última, na que atopa o popio nome do certame como proba concluínte, amais de como ilusión: "Barriga Verde era un titiriteiro que estivo en Pontevedra, así que é especial que o premio volva aquí".