Yoly Saa participará no Benidorm Fest

A cantante e compositora pontevedresa competirá con outros 15 artistas, entre os que están Miss Caffeina, María Pelaé e Angy Fernández, para representar a España en Eurovisión
A pontevedresa Yoly Saa nunha fotografía promocional.
photo_camera A pontevedresa Yoly Saa nunha fotografía promocional.

A cantante e compositora Yoly Saa (Pontevedra, 1992) é unha das 16 participantes no Benidorm Fest, o certame do que sairá o representante de España no próximo Festival de Eurovisión. A organización do evento acaba de facer público que a pontevedresa será unha das aspirantes a viaxar en maio a Malmö (Suecia).

Os outros 15 participantes no Benidorm Fest son cinco grupos, tres intérpretes femininas e sete masculinos. Os grupos son Lérica, Mantra, Marlena, Miss Caffeina e Nebulosa. As intérpretes femininas, á parte de Saa, son Angy Fernández, María Pelaé e Sofía Coll. E os homes: Almacor, Dellacruz, Jorge González, Noan, Quique Niza, Roger Padrós e St. Pedro. Este ano presentáronse 825 candidatos ao certame.

A primeira semifinal do evento celebrarase o 30 de xaneiro de 2024 e a segunda, o 1 de febreiro. A gran final, na que competirán os catro mellor puntuados de cada semifinal, terá lugar o sábado 3 de febreiro.

Da Gramola a Benidorm

De formación autodidacta, a historia de Yolanda Saa Filguera coa música comezou cando colleu unha guitarra por primeira vez con 13 anos. Con 18 compuxo os seus primeiros temas. Mentres estudaba Educación Infantil, compatibilizou en Pontevedra a súa paixón pola música, con actuacións en locais da cidade como La Gramola, coa súa paixón polo deporte. Xogou ao fútbol sala no Poio Pescamar ata que decidiu colgar as botas para marchar a Madrid a intentar abrirse camiño no mundo da música. Iso foi no ano 2016 e cantaba onde podía, segundo contaba nunha entrevista en Diario de Pontevedra en 2018. Incluído o Metro. "Collía a miña maletiña todas as tardes e ía tocar ao Metro. Iso ensinoume moitas cousas. Penso que foi unha maneira de curtirme. Teño pelexado moito por estar aquí".

Cando cheguei a Madrid, collía a miña maletiña todas as tardes e ía tocar ao Metro. Iso ensinoume moitas cousas. Teño pelexado moito por estar aquí

Uns anos antes, en 2013, é onde ela marca o inicio oficial da súa carreira musical, cando colgou na plataforma Youtube un vídeo no que facía unha versión de Lucha de gigantes, de Antonio Vega. "Empezaron a chamarme para tocar en locais de Pontevedra e arredores". Foi o punto de partida dunha carreira que a levou a ser teloneira de artistas como Andrés Suárez; a traballar da man do produtor Jacobo Calderón para Universal (onde precisamente xa formara parte do equipo que escribía temas para os participantes no concurso Operación Triunfo cando deste espazo televisivo saía o representante de Eurovisión); a escribir temas para Luz Casal ou Malú; a lanzar unha colaboración con Nil Moliner (Por última vez) e a fichar por Warner.

En 2020 sacou o seu primeiro EP Magma, no que se incluía o tema que a fixo saltar ás radiofórmulas e que conseguiu millóns de reproducións en Spotify, Todo contigo. O ano pasado publicou o seu primeiro disco, A golpes de fe, e participou no programa Dúos increíbles, de Televisión Española, facendo parella con Sole Giménez. Nas últimas Festas da Peregrina en Pontevedra, Rayden subiuna ao escenario para interpretar con ela o tema El mejor de tus errores. O artista madrileño presentouna como "unha das voces máis bonitas do país".