O povo é quem mais ordena

Centos de persoas acoden á convocatoria pública do Ateneo de Pontevedra para conmemorar o 25 de abril cunha interpretación colectiva da canción Grândola, Vila Morena
Cidadáns diante do Teatro Principal de Pontevedra cantando 'Grândola, Vila Morena' polo 25 de abril. RAFA FARIÑA
photo_camera Cidadáns diante do Teatro Principal de Pontevedra cantando 'Grândola, Vila Morena' polo 25 de abril. RAFA FARIÑA

Centos de persoas ergueron este martes caraveis cara o ceo de Pontevedra en recordo do 25 de abril de 1974, cando a emisión pola radio da canción Grândola, Vila Morena, de Zeca Afonso, poñía en marcha a Revolución dos Caraveis en Portugal. O Ateneo da cidade quixo conmemorar a data convocando á cidadanía a participar nunha interpretación colectiva do tema, hoxe convertido nun himno contra o fascismo, diante do Teatro Principal

"Grândola, Vila Morena/ Terra da fraternidade/ O povo é quem mais ordena/ Dentro de ti, ó cidade/ Dentro de ti, ó cidade/ O povo é quem mais ordena/ Terra da fraternidade/ Grândola, Vila Morena".

O músico Nelson Quinteiro foi o encargado de guiar, acompañado pola agrupación Máis Cantos, a interpretación do tema, que o público entoou ata en dúas ocasións: unha con Quinteiro e outra, cando o acto remataba con Zeca Afonso soando polos altofalantes.

Este non é un acto de melancolía, senón un acto de memoria necesaria, porque o fascismo segue aí, á volta da esquina

O presidente do Ateneo, o escritor Xaime Toxo, fixo unha breve introdución á proposta lembrando o compromiso político contra os fascismos dos cantautores durante os anos 70. Falou de Víctor Jara e do golpe militar en Chile; falou de Pablo Milanés e falou, por suposto, de Zeca Afonso. 

"O 25 de abril de 1974 produciuse en Portugal unha das revolucións máis fermosas do mundo. No seu inicio estaba unha canción que despois se acabou convertendo nun himno e que nos segue convocando aquí hoxe", explicou Xaime Toxo. "Este non é un acto de melancolía, senón un acto de memoria necesaria, porque o fascismo segue aí, á volta da esquina. 25 de abril sempre!".

Boa parte dos concelleiros do BNG e do PSOE de Pontevedra, co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores á fronte, participaron na iniciativa, na que se interpretaron algúns temas populares portugueses antes de chegar a Grândola, Vila Morena

Nelson Quinteiro encargouse de explicar o porqué da escolla de cada canción, ao tempo que lembrou como a peza de Zeca Afonso, escrita en homenaxe á localidade do Alentejo do mesmo nome, fora prohibida no ano 1971 por incluir o verso: "o povo é quem mais ordena". "A pesar desa prohibición, o tema acabou sendo un himno e hoxe, no canto de balas, temos flores e unha banda sonora que demostra a grandeza do seu autor, José Afonso", explicou Quinteiro, que tamén recordou que o ritmo que se escoita no tema non é o dunha marcha militar, como se cre habitualmente, senón que fai referencia aos ritmos tradicionais dos cantos de traballo no Alentejo. 

Comentarios