O Festival Internacional de Jazz e Blues quenta motores enchendo a Praza do Teucro

A superbanda que reuniu ao seu arredor Alfonso Calvo toca na primera xornada do certame de Pontevedra

Concerto de jazz na Praza do Teucro. DAVID FREIRE
photo_camera Concerto deste luns na Praza do Teucro. DAVID FREIRE

X V IFestival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Capítulo primeiro. A programación de actividades e actuacións previas e paralelas ao evento botou a andar este luns na capital da provincia enchendo de sons de jazz a cidade, que agardará ata o mércores para comezar a gozar dos concertos centrais na Praza da Ferrería, entre eles o que ofrecerá en exclusiva Don Bryant. Mentres tanto celébranse talleres formativos, actuacións pola rúa e espectáculos na Praza do Teucro.

A superbanda que montou ao seu arredor Alfonso Calvo, que se presentou en formato septeto en Pontevedra, foi a encargada de abrir fogo. O Teucro, escenario histórico do festival, sacudiuse a morriña do xénero cunha proposta que subiu ao escenario algúns dos nomes máis importantes do jazz galego contemporáneo, entre outros, Pablo Castaño ou Xabier Pereiro Gdjazz. A maiores, Calvo contou nesta ocasión como convidado especial con Ton Risco ao vibráfono. "O contrabaixista de Compostela é un dos grandes nomes do jazz galego actual", explicou Luís Carballo, coordinador das propostas previas ás actuacións centrais da Ferrería, o día da presentación do festival. "Lidera unha das grandes bandas do momento".

NOMADS. Outra superbanda, Nomads, recolle o testemuño este martes no mesmo espazo. Desta vez, o protagonista do concerto será o norteamericano Joel Ross, que creou esta agrupación para actuar especificamente no Teucro. "Con só 23 anos, Joel Ross está chamado a ser un referente", contou Carballo no seu día. Xunto a el estarán Jorge Vistel (trompeta), Xan Campos (piano), Paco Charlín (contrabaixo) e Naima Acuña (batería).

Precisamente dous integrantes de Nomads, o propio Ross e o cubano Jorge Vistel, son os encargados de impartir o Pontejazz Workshop, o taller aberto a todos os interesados e de carácter gratuíto que se imparte durante toda a semana do festival no Antigo Conservatorio de Música de Pontevedra. O luns comezaron as sesións, que teñen lugar cada día dende as 11.00 horas.

A Street Band actuando na Praza da Peregrina. DAVID FREIREAdemais, este luns tamén comezaron as actuacións pola rúa da Street Band –na imaxe da esquerda–, un proxecto de mozos que tocan estándares pola rúa durante toda a semana, cada día, mañá e tarde. Móvense polo centro e veñen incluídos na programación do festival dende 2014.

Todo serve para ir quentando o ambiente de cara ao mércores, cando teña lugar o primeiro concerto internacional do evento, o do norteamericano Don Bryant. É a grande actuación do festival deste ano, a única que ofrecerá en España o artista, nacido en Memphis en 1942. Farao dentro da súa xira europea. "Tivemos a oportunidade de pechalo en exclusiva e fixémolo. É un deses concertos tan singulares que estamos seguros de que lle dará unha especial relevancia ao festival deste ano", dicía o día da presentación o coordinador do evento, José Antonio Ortiz. Despois virán Abe Rábade, Walter Wolfman Washington e Stefano Bollani.

De madrugada. De Javier Abraldes a Pedro Freijeiro na Gramola
A partir da medianoite celébrase cada día unha jam session (encontro informal de improvisación) na Gramola (local da Praza de Méndez Núñez).

Esta programación paralela ao festival, que soe contar con incorporacións inesperadas e outras sorpresas, botou a andar este luns con Javier Abraldes en formato trío e rematará o sábado 21 de xullo con Pedro Freijeiro. Polo medio irán presentando as súas propostas Miguel Ponce, Sunil López, Brais Lorenzo e Vinseiro & Gilino.

Comentarios