Un premio Max para empezar

'Cris, pequeña valiente', de El Espejo Negro, abrirá o 2 de outubro o ciclo Domingos do Principal, que este ano inclúe na sua programación oito espectáculos de teatro familiar, a metade deles galegos
A protagonista da obra 'Cris, pequeña valiente', de El Espejo Negro, nunha imaxe promocional.
photo_camera A protagonista da obra 'Cris, pequeña valiente', de El Espejo Negro, nunha imaxe promocional. DP

Cristina é unha nena que, ao nacer, pensaron que era un neno. É o argumento principal de Cris, pequeña valiente. Coa historia desta cativa trans, contada pola compañía andaluza El Espejo Negro nun dos espectáculos infantís máis recoñecidos do último ano en España, comezará este ano Domingos do Principal. A obra gañou o premio Max ao mellor espectáculo infantil. Tamén o Feten ao mellor espectáculo (Feria Europea de artes escénicas para niños y niñas de Gijón) e o do público da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). 

A peza de El Espejo Negro abrirá, o día 2 de outubro, o ciclo de teatro familiar, que promove o Concello de Pontevedra e organiza o grupo de teatro Akatro dende o ano 2000. As funcións, entre as que hai teatro de actor, de monicreques e danza, prolongaranse ata o 20 de novembro. 

A programación inclúe oito obras, a metade delas galegas. Estas últimas son, en concreto, As pitas baixo a choiva, de Teatro dos Ghazafelhos (adaptación do conto de Ricardo Carvalho Calero do mesmo título); A cazola de Lola, de Tanxarina, ELA de Caramuxo e Camiño de historias, dos pontevedreses Migallas. O espectáculo de María Campos e Carlos Yus está construído a partir de tres historias de tradición oral procedentes de diferentes países de fala portuguesa. 

O resto das propostas son, ademais da mencionada Cris, pequeña valiente, Soy una nuez, dos cataláns Zum Zum Teatre (un texto tamén recoñecido con dous galardóns en Feten, incluido o de mellor dirección); Tarzán en el diván, dos vascos Mar Mar Teatro e Las Cotton, que tamén chega dende Euskadi da mana de Anita Maravillas e Portal 71 (e que engade outro premio Feten á programación deste ano, o de mellor espectáculo de monicreques). 

Aínda que habitualmente Domingos do Principal ten lugar na primeira parte do ano, as obras no teatro obrigaron a trasladar as funcións ao último trimestre. "O ciclo adoita ter lugar no primeiro semestre do ano, pero esta edición mudou as dúas datas habituais ao último trimestre por mor das obras levadas a cabo no Teatro Principal, que reabriu as súas portas o 5 de setembro", lembra o Concello de Pontevedra.

O que non mudou é o número de funcións nas que se poderá gozar de cada obra. Haberá dúas cada domingo: ás 12.00 e ás 18.30 horas. A maiores, incluíronse pases concertados con escolares para tres delas. Neses casos, as postas en escena terán lugar os luns pola mañá. 

As entradas de Domingos do Principal están á venda no despacho de billetes de Ataquilla (a un prezo de 4 euros máis gastos). Tamén se puxo a disposición do público interesado un abono para todo o ciclo (cun custo de 19 euros máis gastos). 

CALENDARIO COMPLETO
2 de outubro * Cris, pequeña valiente, de El Espejo Negro (Andalucía). Premio Max 2022 ao mellor espectáculo infantil. Premio Feten 2021 ao mellor espectáculo. Premio do público MIT Ribadavia.  Maiores de 6 anos.
9 de outubro * As pitas baixo a choiva, de Teatro dos Ghazafelhos (Galicia). Maiores de 5 anos.
16 de outubro * A cazola de Lola, de Tanxarina (Galicia). Maiores de 5 anos.
23 de outubro * Camiño de historias, de Migallas (Galicia). Todos os públicos.
30 de outubro * Soy una nuez, de Zum Zum Teatre (Cataluña). Premio Feten 2021 á mellor dirección. Premio Feten 2021 á interpretación coral. Maiores de 6 anos.
6 de novembro * ELA, de Caramuxo Teatro (Galicia). Maiores de 4 anos.
13 de novembro * Tarzán en el diván, de Mar Mar Teatro (Euskadi). Maiores de 6 anos.
20 de novembro * Las Cotton, de Anita Maravillas e Portal 71 (Euskadi). Premio Feten 2021 ao mellor espectáculo de monicreques. Maiores de 5 anos.

Comentarios