Os Premios Follas Novas recoñecen ao Salón do Libro de Pontevedra

Considérano como a mellor iniciativa cultura e de fomento da lectura entre os máis pequenos
O lobo Orbil rodeado da cativada no Salón de 2020. DAVID FREIRE
photo_camera O lobo Orbil rodeado da cativada no Salón de 2020. DAVID FREIRE

Os Premios Follas Novas do Libro Galego recoñeceron onte ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra como mellor iniciativa cultural e de formento da lectura. Recolleu o galardón, na Gala do Libro Galego, celebrada en Santiago, a concelleira Eva Vilaverde, que dixo que este era "un premio moi desexado, outorgado pola nosa xente, pola xente que ama o libro galego". 

A concelleira lembrou que o evento leva celebrándose en Pontevedra 22 anos e que enfrontou a pandemia, conseguindo sacar adiante tanto a edición do ano pasado como a deste. Vilaverde tamén citou unhas palabras de Francisco Castro que, durante un acto do último Salón, dixo que esta xa non era unha actividade só de Pontevedra senón de todo o país. "Seguimos traballando en defensa do libro galego. É o noso compromiso", rematou Vilaverde, que destacou o traballo do equipo de xente detrás do proxecto.

Este recoñecemento ao Salón do Libro de Pontevedra súmase aos que xa recibiu con anterioridade: en 2007 foi premiado pola Asociación Galega de Editores; en 2009, pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e en 2013 pola Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal. Para os Premios Follas Novas (que entregan conxuntamente libreiros, editores e escritores galegos) era finalista por segunda vez. Xa o fora en 2017.

MEJUTO E RIBEIRO. Ademais do premio ao Salón do Libro, Pontevedra volveu con outros galardóns da gala de Santiago. A colección que a escritora, xornalisa e xestora cultural sanxenxina Eva Mejuto (precisamente coordinadora do Salón) puxo en marcha con A lavandeira de San Simón foi recoñecida como mellor iniciativa bibliográfica. E a poeta de Cerponzóns Elvira Ribeiro fíxose co premio ao mellor libro infantil por Mar de mazá. A maiores, os Follas Novas recoñeceron como mellor poemario A desvértebra, de Ana Romaní; mellor ensaio, Irmandiñas, de Aurora Marco; mellor cómic, O derradeiro libro de Emma Olsen, e mellor novela, Un señor elegante, de Suso de Toro.

Comentarios