Os Premios María Casares prepáranse en Pontevedra

A entrega dos galardóns teatrais terá lugar o 2 de xuño no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
Lores, Carme Fouces e Eva Villaverde cos membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. GONZALO GARCÍA
photo_camera Lores, Carme Fouces e Eva Villaverde cos membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. GONZALO GARCÍA

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu durante a última semana os ensaios do espectáculo que se poderá ver durante a gala de entrega dos Premios María Casares de teatro, que terá lugar o 2 de xuño no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e as concelleiras Carme Fouces e Eva Villaverde visitaron este martes aos membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que están montando a posta en escena.

Carlos Álvarez-Ossorio é o director da gala, que este ano conmemorará o centenario do nacemento da actriz que lle dá nome, trazando sobre o escenario un percorrido pola súa traxectoria vital e artística. Na cerimonia actuarán as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. A música  correrá a cargo de Proxecto X, un conxunto integrado pola guitarra de Virxilio da Silva, o baixo de Paco Charlín, a batería de Diogo Silva  e a voz da propia De Nut.