martes. 03.08.2021 |
El tiempo
martes. 03.08.2021
El tiempo

Os Premios [email protected] entregan os galardóns da súa cuarta edición

Youtubeiras fora
Creadoras como Olaxonmario, Aquel-e, Éric Dopazo, Antón Varela, Aarón Vilariño, Pablo Rodríguez Vila, FØ Records e canles como Cousas rarismASMR, Naturiza, Cativos na Cociña, O Son das Ideas e pradorua fanse cos doce premios

Os IV Premios [email protected] xa teñen gañadoras e gañadores. Neste 2020, no que se rexistrou a máxima participación ao pasar de 240 vídeos inscritos en 2019 a un total de 536, a gala de entrega está a ser substituída –debido a situación sanitaria– pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas por Lucía Aldao e María Lado. Se a semana pasada puidemos escoitar a diferentes finalistas, nos vindeiros días emitiranse tamén por Youtube as conversas coas propostas gañadoras dos premios principais deste certame, que concede un total de doce galardóns.

O xurado, conformado por Matías Tarrío, Mabel Montes, Rosa Moreiras, Xoana e Brais Romero, tomou xa a súa decisión, que a organización de [email protected], conformado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, fai pública a continuación: 

1. O Premio á Mellor Canle é para a canle pradorua. O xurado decidiuno así pola súa oferta de "contidos variados, orixinais e de calidade" que proporciona "a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual".

2. O Premio [email protected] é para olaxonmario, de quen o xurado destaca o labor que desenvolve en galego no Youtube, sendo de "grande impacto" ao "non pasar desapercibido en canto a novidoso e orixinal".

3. O Premio ao Mellor Vídeo  é para O cabalo de Alberte Merlo, que para o xurado significa unha "mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia" chea de "enxeño e retranca".

4. O Premio á Calidade Lingüística recoñece  o vídeo As patacas do Paraíso, de Cativos na Cociña. O xurado ve nesta proposta "un uso coidado da lingua" e "unha riqueza lingüística que reflicte, especialmente no ámbito fonético e lexical, un rexistro coloquial dentro dunha variante dialectal”, o cal lle dá un "plus de calidade, de frescura e de proximidade" á produción.

5. O Premio Impacto é para o vídeo Xogando con Ana Pontón aos Sims, do youtubeiro Aquel-e en colaboración con Olaxonmario, no cal entrevistan a canditada do BNG á presidencia da Xunta nas últimas eleccións xerais. Para o xurado, o vídeo representa "unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos usando outro tipo de canles e linguaxes diferentes ás tradicionais".

6.  O Premio á Calidade Técnica é para Os vinte de XX. Capítulo II. As Irmandades da Fala, vídeo de Antón Varela. O xurado destacou desta proposta que se trata "dunha mostra representativa da serie ‘Os vinte dos XX’, que ofrece unha panorámica galega polos anos vinte do século XX cunha excelente calidade técnica, sobre todo no referido á edición e ao traballo gráfico".

7.  O Premio Comunicación recaeu en Un rapá transquilo, canle de Éric Dopazo. O xurado destaca a "absoluta solvencia, naturalidade, desdramatización e mesmo tirando do humor" ao relatar en primeira persoa unha realidade tan complexa como é o proceso de tránsito de xénero. 

8. O Premio Creatividade pon en valor a canle O Son das Ideas, de Darío Lago. O xurado subliña a capacidade de trasladar a explicación de complexas leis físicas ao ámbito do cotián e aplaude "o emprego de recursos tecnolóxicos de xeito divertido e ameno". Ademais, por se quedasen prexuízos, esta canle “promove o galego como lingua perfectamente válida para a divulgación científica".

9. O Premio ao mellor vídeo musical é para Lume, de FØ Records, unha produción moderna cun tema propio que, a ollos do xurado, "actualiza a música galega a ritmo de trap". 

10.  O Premio Didáctico recoñece o traballo de Naturiza, canle de Diego Ferraz que, para o xurado, "achega dun xeito ameno, claro e entretido contido científico relacionado co medio natural".

11.  O Premio Pioneiro recoñece a canle Cousas rarismASMR, de Helena Antía López. Para o xurado, a canle leva "o noso idioma e, con el, a comunidade Youtube en galego, a terreos moi pouco explorados, pero facéndoo con gran calidade e xeito".

12. Por último, o Premio do Público, votado virtualmente polo público de Youtube, recaeu en Apps para docentes, de Titoriais para profesorado de Galicia, de Pablo Rodríguez Vila.

Os tres primeiros premios (Canle, [email protected] e Vídeo) contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os demais galardóns ascenden a 500 euros. En total, os IV Premios [email protected] repartiron 7.500 euros. 

OS DATOS. 
Neste 2020, os Premios [email protected] experimentaron un notable crecemento no número de inscricións: un total de 536 vídeos fronte aos 240 vídeos que se rexistraran na edición de 2019. Estes vídeos son obra de 113 creadores/as, dos cales o 45% son persoas nacidas na década de 1990, mentres que un 18% corresponden xa aos nacidos entre o ano 2000 e 2006 (a idade de participación mínima era de 14 anos). En canto á orixe dos/as participantes, cómpre destacar que a maioría proceden de núcleos de menos de 10.000 habitantes, seguidos por concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes. 

Dende a organización dos Premios [email protected] a súa coordinadora Mónica Fernández Valencia destaca  "o gran incremento de participantes rexistrado neste anómalo 2020", no que tamén aumentou “a variedade temática de contidos" e acabou por se notar “ tamén un refinamento na calidade técnica xeral". 

 Por outra banda, Fernández Valencia subliña que nestes anos os Premios [email protected] serviron como punto de encontro e de estruturación para a incipiente comunidade creadora na nosa lingua en Youtube, que cada vez está máis "diversificada" e con maior conexión con outras plataformas creativas e dixitais.

"Os obxectivos que nos marcamos con lemas como crear comunidade ou expandir a rede estanse a conseguir grazas ao labor e á evolución dos/as creadores/as que, ano tras ano, participan neste certame”, conclúe a coordinadora de [email protected], antes de engadir o seu agradecemento ao xurado “polo gran  labor desenvolvido nun ano especialmente difícil" pola situación xeral, pola ampliación de premios e polo aumento de participantes.

Os Premios [email protected] entregan os galardóns da súa cuarta edición
Comentarios
ç