Samudra Trío: "Presentamos 'Odisea': queremos levar ao noso público de viaxe"

Tras un ano no que recibiron un Martín Códax e estrearon o seu disco Odisea, Jimena Andión e Yamini T. Prabhu, dúas das compoñentes do grupo Samudra Trío xunto a Laura Lorenzo, repasan a súa traxectoria musical antes do seu concerto deste venres, ás 19.00 horas, no Museo de Pontevedra
Samudra Trío, en concerto. DP
photo_camera Samudra Trío, en concerto. DP

Todo comezou como comezan moitas das grandes historias: cunhas cañas no bar. Para o nome, sen embargo, tocou un café. Samudra, do sánscrito védico, cun sam que significa unión e un udra que significa agua. A unión da terra mediante as augas. A unión do piano de Yamini T. Prabhu, a frauta de Laura Lorenzo Rodríguez e o chelo de Jimena Andión García. Unha unión que, desde o seu nacemento en 2019, chegou a un dos seus puntos álxidos este ano, coa consecución do Martín Códax na categoría de música clásica contemporánea e a estrea do seu primeiro disco, Odisea. Un disco que presentarán na tarde deste venres, ás 19.00 horas, nun Museo de Pontevedra que conmemora o día da música aunando o son de Samudra Trío coa pintura en directo da muralista Alba Troiteiro.

Comentaron que a súa unión nace de forma informal, cunhas cañas. Xa vían que podían encaixar musicalmente ou foi máis ben un salto ao vacío?
Jimena
: Foi un salto ao vacío total. Aínda que nos coñecíamos, non tocaramos nunca xuntas. Laura e eu estudaramos no conservatorio de Pontevedra desde pequenas, pero nada máis. E a Yamini non a coñeciamos, así que foi un pouco casualidade que nos xuntaramos.

E como foi esa primeira vez que tocaron xuntas?
Yamini
: Había química incluso antes de tocar. Funcionaba todo. Era superfácil: desde como nos levabamos ata como tocabamos.
J: Na música inflúe moito que a xente se leve ben entre ela. Cando hai malos ‘rollos’ polo medio, que pasa en moitos grupos, non funciona. E ao final, como naceu unha amizade de todo isto, notouse na música que facemos.

Esa química, xunto ao talento musical, acabou derivando nun Martín Códax na categoría de música clásica contemporánea.
Y: Premios como o Martín Códax son moi importantes para grupos como o noso e sobre todo para unha xeración como a nosa. Somos a xeración máis preparada, que acabou por crer isto de formarnos moito para ter saídas mellores. E son cousas que cando volves sobre elas, cando inicias a túa traxectoria laboral, te decatas de que son un pouco unha fantasía. O conto que che venderon. Entón premios así, que validen proxectos, que poñan o foco en proxectos como o noso, que teñan en conta as propostas de persoas que teñen ganas de facer cousas, son moi importantes.

Este ano non só trouxo o Martín Códax, senón o seu primeiro disco, Odisea. Nel mestúranse músicas europeas, americanas e asiáticas. Como é o proceso de selección?
J
: Non hai predisposicións. Todas as obras que escollimos son porque nos gustan moito e queremos mostralas.
Y: É algo que nos fai ter ganas de tocalo. De dicir: "Buah, que chulo isto. Estaría guai tocalo". Vamos máis por aí.

Vostedes fan moito fincapé na invisibilización de moitas mulleres músicas, das que investigan e recollen as súas composicións. No seu caso, a nivel profesional, notaron algunha dificultade añadida polo feito de ser mulleres?
Y: Nisto están de acordo as miñas compañeiras: polo feito de ser mulleres tendemos a sufrir un pouquiño de infantilización. Como que aínda somos moi novas. E tan noviñas non somos. Que o aparentemos é unha cousa e que o sexamos é outra distinta. E hai moita infantilización nos ámbitos nos que nos movemos, que non deixan de ser ámbitos clásicos. A xente sempre ten que opinar, non? O interesante do noso proxecto tamén é o feito de que estamos abrindo camiño e de que estamos amosando unha música académica, unha música clásica, que é apta para todos os públicos. E dentro desa diversidade existen obras de mulleres, porque como ten dito a nosa compañeira Laura: toda a vida se tocaron obras de homes, porque é o fácil e é o máis accesible. Xa é hora de tocar música de moitas compositoras.

Este venres será o concerto presentación de Odisea, no Museo de Pontevedra e polo Día da Música. Como afrontan este evento?
J: Tanto Laura como eu somos de Pontevedra, así que temos moita ilusión. Ademais, é un lugar no que levamos moito tempo intentando tocar, pois é un dos poucos lugares que teñen piano de cola. E é unha boa data para facelo.

Que pode esperar a xente da súa actuación?
Y:
Complicidade. Máis que esperar algo, o que lle diría á xente que veña ao concerto é o que lle dicimos a todo o mundo: estar dispostos a experimentar e tamén a sentir. E ir sen pretensións, simplemente deixándose levar. Non deixa de ser unha presentación da Odisea, e o que queremos facer é levar ao noso público de viaxe.

Comentarios