As previsións do 2023 enchen de escepticismo ás librerías da cidade

O Nadal e os bonos culturais actuaron como paliativo para o sector ▶ A novela negra continúa a ser o xénero predominante nas compras

Librería Paz. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Librería Paz. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Malos tiempos para la lírica", dicían desde Golpes Bajos en 1990. Máis de trinta anos despois, dalgunha maneira, o estribillo segue a estar de actualidade. Pese ao repunte do hábito lector experimentado na pandemia, a colleita que están a recoller os libreiros de Pontevedra non está a ser a mellor nos últimos meses.

Ante esta problemática, o Nadal volveu a ser, polo xeral, un agosto aprazado para as librerías. Un que, sen embargo, tampouco será recordado por entrar no ranking dos máis prolíficos dos últimos tempos, "De vendas foi máis ou menos igual que o ano pasado. A previa do Nadal e a previa de Reis estiveron en números similares. Onde si tivemos menos movemento, se cadra, foi nos meses anteriores, en outubro e novembro", conta Cano Paz, da Libraría Paz.

Unha liña parecida á que se seguíu na Librería Metáfora, segundo comentan Luis e André: "Non houbo queixa. As vendas entraban dentro do esperable. Foi similar aos dous anos anteriores". En El Pueblo, sen embargo, os resultados foron menos positivos que noutros Nadais: "Este ano foi peor. Mesmo na rúa non se vía ese ambiente doutros anos e as vendas foron peores. En Reis máis ou menos estivo por aí, baixou tan só un pouquiño, pero si que no Nadal foi máis pronunciado", confesa Víctor Manuel Villaverde.

Como única nota positiva, por outro lado, temos á Librería Nobel: "Notouse un aumento, sobre todo con respecto ao tempo. O ano pasado, pola pandemia, as vendas centráronse nos últimos días, supoño que polos desprazamentos. Concentráronse. Este Nadal, foron espallándose un pouquiño máis e levábamos bastantes semanas con movemento. Con respecto a outros anos, eu creo que a xente se animou máis", declara Susi Álvarez.

O Nadal, aínda que sempre é boa época para as librerías, deixou resultados dispares nos establecementos da cidade: subidas, baixadas e, nalgúns casos, números similares aos anos anteriores

De cara a un 2023 que xa debutou no calendario, as expectativas tampouco son, polo xeral, demasiado esperanzadoras. Como explica Cano Paz, o efecto lector na pandemia xa se diluíu no propio 2022, volvendo a números anteriores a esta. Un feito ao que se lle suma unha nova problemática: "Xa estamos volvendo á realidade, porque tamén hai factores que antes non había: foi a pandemia, pero agora hai unha guerra. Está a crise do combustible, que dispara facturas que a xente despois ten que aforrar por outro lado", comenta mentres, pola súa parte, sintetiza con filosofía o último ano do establecemento: "Non estamos descontentos coa campaña.

O ano non foi dos mellores, pero aquí estamos". Desde Metáfora, a súa vez, André encara de forma estoica o 2023: "Hai que facer o posible dentro do que son as circunstancias". Víctor Manuel, no tocante á librería El Pueblo, fala dun ano difícil, como xa lle adiantaron as propias editoriais: "As previsións para este ano non son nada optimistas. De feito, é o que nos están dicindo a maioría das editoriais. Entendo que vimos dun Nadal e duns Reis peores que os do ano pasado e contamos con que o resto do ano vaia un pouco en consonancia".

Desde Nobel, Susi Álvarez volve a intentar arroxar un pouco de luz sobre o sector, aínda que é consciente de que a subida de prezos pode acabar chegando tamén aos libros: "Somos conscientes de que estamos nun momento compricado. Hai moita subida de prezos e aos libros tamén lles tocará. No 2023 quizais pasemos por algún pico algo compricado, pero confío en que nos poidamos manter". Unha confianza, esta última, na que tamén se detén para dar algunhas das súas chaves: "A cultura non ten por que pagar o momento. A veces é a gran esquecida. Deberíamos de ter presente cara a onde queremos camiñar. Ademais, este ano vén cargado de novidades, tanto para adultos como para nenos, que confío que fagan chegar os libros ao nosos fogares".

Outro dos paliativos para o sector, durante o último ano, foi o do Bono Cultura. Aínda que, pese a súa axuda, tampouco foi unha iniciativa que conseguise marcar diferenzas. "O bono cultural estivo ben. Non tanto en datos absolutos, pero si que veu algunha xente a raíz del", comenta André, de Metáfora. Cano Paz, no seu caso, concreta a súa utilidade no mes de novembro: "Grazas ao bono foi máis levadeiro o mes de novembro, por exemplo, que noutros tempos era un dos peores meses para as librarías. Foi unha axuda". "Penso que o bono cultura si que axudou. Se non, a cousa sería aínda peor. É algo que axuda á merca de libros", añade Víctor Manuel Villaverde desde El Pueblo.

Susi Álvarez, por último, centra a súa importancia na oportunidade de captar novos lectores a través do seu uso: "Incidíu moito nas nosas vendas, sobre todo nos seus últimos días. A xente aproveitou o tempo de Nadal para facer esas compras. Axudou moito, tamén, a que xente quizais non tan asidua quixera aproveitalo. Ao mesmo tempo foi unha axuda para eles, porque o feito de vir descubríulles que hai cousas moi interesantes para agasallar. De feito, algúns volvían ao día seguinte e empleaban os libros como agasallos para outras persoas do seu entorno. O bono cultura permitíu esa achega, a de moita xente que en primeira instancia non tiña este tipo de agasallos para os seus seres queridos e comezou a mercalos".

O cómic O lume, do ourensán David Rubín, foi un dos grandes triunfadores deste Nadal, chegando a vender 7.200 exemplares

Títulos máis destacados. O Nadal volveu a amosar que, polo xeral, a novela negra continúa a alargar o seu bo momento nas librerías: Dolores Redondo ou Gómez Jurado, amais, destacan como algunhas das grandes referencias do xénero na actualidade. Fóra dos súper ventas, desde Librería Nobel recomendan outra obra deste corte, algo máis descoñecida: La paciente silenciosa, de Alex Michaelides. 

Por outro lado, nas grandes vendas do Nadal, os best sellers volven a facer honra ao seu nome: entre eles, o Premios Planeta Lejos de Luisiana, de Luz Gabás, e a obra finalista, Historias de Mujeres Casadas de Cristina Campos. Ademais, Almudena Grandes, ou Pérez Reverte –aparte dos propios referentes de novela negra nomeados anteriormente– volven a copar moitos dos tops da época.

Na Libraría Paz, experta en cómic, ademais da preponderancia polo manga, o Nadal deixou como gran gañador a David Rubín, coa súa obra O lume. Unha novela gráfica que xa esgotou os seus 7.200 primeiros exemplares e que, na propia Libraría Paz, vendeu ao redor de 90 exemplares nun só mes.

Na literatura galega, Susi Álvarez destaca As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, que está a sufrir un repunte nos seus últimos tempos. Por último, no tocante á literatura infantil, desde Nobel comentan que, como na adulta, tamén triunfan grandes clásicos como Los Compas, Isadora Moon ou coleccións da editorial Kalandraka.

Comentarios