Jorge Coira é un home feliz o día despois de subir a recoller o seu primeiro Goya pola montaxe da película El desconocido, dirixida polo seu amigo Dani de la Torre e protagonizada por un case que irmán como Luis Tosar. Coa distancia, non lembra moi ben cal foi a primeira chamada de felicitación que recibiu, pero si sabe que a primeira que fixo el foi á súa casa, en Lugo, onde 30 persoas "do clan Coira" se puxeran "elegantes" para ver a gala por televisión.
A presión era alta, pero o realizador de Rábade cumpriu. Logo veu a loucura. "Perdín como hora e media da cerimonia porque me levaron a unha sala de prensa, para fotos, declaracións...".
A ledicia non chegou a ser completa de todo, xa que De la Torre finalmente non acadou o cabezón como mellor director novel -"a competencia era forte e o feito de que non teña este Goya non empaña nin un chisco o carreirón que ten por diante"- nin Tosar o de mellor actor. "Tiñamos a sensación de que non o ía gañar. Aínda que Luis fai un dos mellores papeis da súa carreira, xa leva varios premios e tiña enfronte a Darín, que está espectacular en Truman e que levaba varias nominacións sen premio", comenta Coira.
A El desconocido aínda lle queda percorrido. Por exemplo, os remakes que se están a preparar en Estados Unidos ou Alemaña, pero Coira coida que hai que pensar en novos proxectos; o máis inmediato, unha serie para Telecinco da que aínda non pode dicir nada.
O de Rábade foi o primeiro da noite en quedar coa palabra na boca mentres facía o seu discurso de agradecemento. "Desde dentro é moi difícil saber canto tempo estás a consumir, sería bo que che desen algunha pauta. É un erro de concepto baixar o micro ou cortar o son, e non o digo por min. Se non che gusta escoitar a xente que recolle premios non fagas unha gala de entrega de premios".
Coira, que nas súas responsabilidades na Academia Galega do Audiovisual ten organizado galas dos Mestre Mateo, recoñece que é moi difícil conxugar o ritmo televisivo cunha entrega de premios, pero defende que os asistentes "non son figuración". "Unha gala ten que funcionar para a xente que está alí, que quede contenta".
Este domingo, o guionista Borja Cobeaga (Ocho apellidos, Negociador, Pagafantas) queixábase de que os guionistas entraran ao auditorio Príncipe Felipe de Madrid "pola porta de atrás", mentres que personas alleas á industria, como Vargas Llosa e Isabel Preysler, "posaban na alfombra vermella".
Jorge Coira corfirmouno. "Moita xente non paseamos pola alfombra vermella, que é para actores e directores". Coincide con Cobeaga en que non é cuestión de vaidade, senón de dignidade, e pregúntase: "Non queres ter as fotos dos compositores e guionistas no photocall?". E lembra que si desfilaron os políticos, de Pedro Sánchez a Pablo Iglesias, Manuela Carmena, Albert Rivera, Cristina Cifuentes e Alberto Garzón.
Coira coñece o moble na casa dos pais de Luis Tosar no que están gardados os premios do actor. "Paréceme marabilloso e natural que os seus pais o fixeran, pero non me vexo eu con algo así". O clan Coira coñecerá o cabezón axiña, na vindeira visita a Lugo. E, despois, xa se verá. "Quedará pola miña casa, iso si", conclúe.
"A primeira chamada foi a Lugo; 30 membros do clan Coira puxéranse elegantes para ver a gala"
Jorge Coira repasa as primeiras sensacións tras lograr o Goya pola montaxe de 'El desconocido'