Esta é a primeira imaxe que existe do Museo de Pontevedra

Antonio Palacios é o autor dun óleo realizado en 1929, uns días despois da inauguración do Edificio Castro Monteagudo
Un detalle do óleo de Antonio Palacios no que retratou o interior do Edificio Castro Monteagudo en 1929. MUSEO DE PONTEVEDRA
photo_camera Un detalle do óleo de Antonio Palacios no que retratou o interior do Edificio Castro Monteagudo en 1929. MUSEO DE PONTEVEDRA

O que se pode ver no lenzo é unha das vellas salas do Edificio Castro Monteagudo, o que foi a primeira sede do Museo de Pontevedra. No centro, unha das vitrinas nas que exhibían unha serie de crucifixos. Arredor, distintos cadros e mobiliario. Destacan os verdes e azuis. É o óleo que o arquitecto Antonio Palacios pintou do natural o 28 de agosto de 1929, apenas uns días despois da inauguración do espazo que retratou. E é tamén a primeira imaxe que existe do Museo de Pontevedra.

O cadro forma parte agora dunha pequena exposición en homenaxe ao arquitecto do Porriño, do que se conmemora este ano o 150º aniversario do seu nacemento. Poderase visitar ao longo de todo o ano no Edificio Castelao.

"Antonio Palacios estivo vencellado ao Museo desde a súa orixe, razón pola que se conservan na institucion pontevedresa algún dos seus planos e significativos exemplos da súa produción como pintor", sinala a institución museística ao respecto desta pequena mostra composta por tres óleos e unha serie de postais.

A primeira imaxe que existe do Museo de Pontevedra é este cadro de Antonio Palacios. MUSEO DE PONTEVEDRA
A primeira imaxe que existe do Museo de Pontevedra é este cadro de Antonio Palacios. MUSEO DE PONTEVEDRA

Á parte do óleo do Edificio Castro Monteagudo, o Museo mostra dous pequenos retratos femininos, "obras de xuventude que pertenceron ao seu gran amigo o caricaturista Sileno". A maiores hai outra peza, que se lle atribúe a Palacios con certas reservas, segundo recoñece o Museo. "Trátase dunha vista da Rúa de Alcalá, na que destaca o Círculo de Belas Artes unha das súas máis emblemáticas edificacións en Madrid". A mostra complétase con cinco postais de Antonio Palacios dirixidas ao seu amigo Sileno

Ademais da pequena exposición, o Museo celebrou, a semana pasada, un simposio sobre o arquitecto, que reuniu a máis de 20 investigadores e especialistas sobre a súa obra. Entre outros participaron os arquitectos Álvaro Bonet e César Portela.

A directora do Museo, Ángeles Tilve, anunciou na inauguración do simposio que se estaba a preparar un catálogo de Antonio Palacios que incluirá máis dun cento de obras inéditas. Segundo dixo Tilve, o volume reunirá 239 fichas de obras construídas ou proxectadas polo porriñés e incluirá fotografías actuais, fotografías históricas, planos e debuxos.

O catálogo, a cargo de Álvaro Bonet, achegará documentación descoñecida sobre máis de 40 obras xa recollidas en publicacións anteriores.