Prisciliano: un rebelde, un disidente, unha figura esencial

O pontevedrés Diego Piay asesora a gravación do documental Prisciliano e a Gallaecia, de Arraianos ▶ O filme, que ten previsto estrearse na primavera, busca "rehabilitar socialmente a un personaxe que está na orixe da mesma idea de Europa"  
Diego Piay (esquerda) e Aser Álvarez (dereita) durante a gravación do documental sobre Prisciliano. ARRAIANOS PRODUCIÓNS
photo_camera Diego Piay (esquerda) e Aser Álvarez (dereita) durante a gravación do documental sobre Prisciliano. ARRAIANOS PRODUCIÓNS

Condenado a morte por herexía e bruxería. Decapitado. Así acabou os seus días Prisciliano, o bispo cristián do século IV que se atreveu a enfrontar os postulados da Igrexa e, sobre todo, a corrupción das súas xerarquías. "É unha figura esencial", resume o historiador Diego Piay (Pontevedra, 1979). "Por iso se estuda en todo o mundo. E, por isto, é tan relevante sacar adiante este proxecto".

O proxecto ao que se refire é o documental Prisciliano e a Gallaecia, de Arraianos Producións, no el que está ao cargo do asesoramento histórico. "A nosa intención é estrear na primavera", conta o director do traballo, Aser Álvarez (100% CEF, Sísifo confuso), que conta con pasar entre tres e catro meses gravando espazos e testemuños para esta peza, que conta cunha axuda da Deputación da Coruña. 

Diego Piay: Este proxecto, de gran rigor histórico, ten o gancho suficiente para atraer ao público

"En realidade este filme sobre Prisciliano é unha vella teima que me persegue dende hai moitos anos", explica Álvarez. A primeira persoa que lle dixo de facer un traballo sobre o relixioso galego foi Ramón Chao, en 2012, cando contactaron a conta da gravación do documental que Arraianos ía facer sobre Celso Emilio Ferreiro, "E realmente intenteino volvendo a entrar en contacto con el. Pero o que me saíu foi unha peza que estreamos o ano pasado, O Camiño de Prisciliano. Tralas pegadas de Ramón Chao".

Foi precisamente nunha proxección dese filme en Santiago, onde Aser Álvarez e Diego Piay entraron en contacto. O historiador pontevedrés leva máis de 20 anos profundizando na figura de Prisciliano. A el lle dedicou a súa tese de doutoramento. E o libro Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio cristiano (2019). A idea de dedicarlle un documental revive a partir de aí da man dos dous homes.

Diego Piay co seu libro sobre Prisciliano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Diego Piay co seu libro sobre Prisciliano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"O noso obxectivo é rehabilitar socialmente e axudar a popularizar unha figura clave, non só da nosa historia, senón da historia de Europa", di Aser Álvarez. 

Para facelo tirará de testemuños de investigadores de todo o mundo; dun percorrido polos lugares onde podería estar soterrado (algo que segue a ser un misterio) e, finalmente, das pinturas de Tono Correa Corredoira, que está enfrascado nun proxecto pictórico sobre este personaxe. "O seu proceso creativo será o fío visual desta obra que agardamos que sexa un primeiro chanzo para facer unha produción máis importante sobre Prisciliano en Europa e mesmo para presentar unha candidatura para un itinerario cultural", avanza o realizador. "Este proxecto pode ser realmente un punto de partida para algo moito máis importante. Interésanos Prisciliano porque é un rebelde, un disidente, unha figura a reivindicar que foi inxustamente tratado porque se atreveu a denunciar a corrupción das xerarquías e a enfrontar o poder establecido. É o momento de rehabilitalo. Está na orixe da mesma idea de Europa".

Aser Álvarez: Foi un personaxe inxustamente tratado. Esta obra pode ser un primeiro chanzo de algo moito máis importante

Polo momento, Aser Álvarez e Diego Piay atoparon moito interese e expectación ante o produto que están realizando. "Dende que no ano 1885, un investigador alemán descubriu uns tratados de autor incerto que despois resultaron ser total ou parcialmente de Prisciliano, a súa figura quedou rehabilitada no mundo académico. Iso non pasou socialmente, onde quedou reducido á figura dun herexe rodeado de lenda", explica Diego Piay. "É hora de rehabilitalo".

"O resultado vai ser un traballo audiovisual de gran rigor histórico, ao tempo que co gancho suficiente para atraer a todo tipo de público", sinala o historiador, que recoñece o poder de fascinación dun home axustizado no século IV que pode ser redimido por un documental no século XXI.

Comentarios