Na procura do mellor contador de historias

O Concello de Pontevedra pon en marcha a segunda edición do certame Bótalle un conto, que celebrará a súa gran final, "seguindo o modelo Eurovisión", en Santa María de Xeve, parroquia do gañador do ano pasado
O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña. DIANA CARRACELAS
photo_camera O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña. DIANA CARRACELAS

Poñer en valor a riqueza lingüística do concello, en base a historias, contos e lendas existentes ou creadas, é o obxectivo principal do certame Bótalle un conto, do que o Concello de Pontevedra vén de anunciar unha segunda edición. "Do que se trata é de contribuír a normalizar o uso da lingua, empregándoa como ferramenta de unión, mais tamén como ferramenta de socialización entre a veciñanza das distintas parroquias", sinalou o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, que se referiu ao certame como "unha especie de competición interparroquial co obxectivo de atopar ao mellor contador de historias do concello".

O certame habilitará unha serie de datas nos locais sociais das distintas parroquias para que a veciñanza que queira participar poida achegarse ese día a unha hora concreta para facer a gravación do seu conto. "Alí haberá unha persoa cunha cámara que será a que os gravará". O conto deberá ter unha duración máxima de catro minutos. Esas gravacións serán recompiladas e posteriormente pasaránselle a un xurado especializado composto, como o ano pasado, por membros de Polo Correo do Vento e de Pavís Pavós. "Eles decidirán que persoas pasan á gran final que, usando o modelo Eurovisión, será na parroquia de onde era o gañador do ano pasado, neste caso Santa María de Xeve". Esa gran final será o 21 de maio, no centro sociocultural da parroquia, ás 18.30 horas.

Como na primeira edición, "co obxectivo de dinamizar o comercio e hostalería local", os premios serán tres ceas para dúas persoas. O mellor contador gañará un menú degustación no Eirado da Leña (restaurante do chef Iñaki Bretal cunha estrela Michelin).

Alberto Oubiña tamén avanzou que se estaba artellando a posibilidade de ir subindo paulatinamente na canle do Concello de Pontevedra na plataforma Youtube os contos que participaron o ano pasado. "A gran final, que se emitiu en directo, xa está colgada", dixo o concelleiro. "Animamos á veciñanza a que participe".

As primeiras gravacións realizaranse o luns 20 de marzo en Cerponzóns e as últimas, o 19 de abril en Ponte Sampaio. Nas parroquias con maior dispersión da poboación, como poden ser Mourente, Alba ou Bora, realizaranse gravacións nos distintos locais sociais. A inscrición pode realizarse a través do teléfono 986 852 271 ou a través da web do Concello en apuntate.pontevedra.gal.

Comentarios