A proeza de meter o río Lérez dentro do Pazo

Os pontevedreses Álex Vázquez e Amelia Palacios, pai e filla, protagonizan a súa primeira exposición xuntos
Amelia Palacios e Álex Vázquez. RAFA FARIÑA
photo_camera Amelia Palacios e Álex Vázquez. RAFA FARIÑA

"Fixeron algo espectacular: meter o río dentro do Pazo", dixo o comisario de Na beira do río. Diálogos na pintura, Ramón Rozas, referíndose ao traballo que realizaron os pintores Álex Vázquez e Amelia Palacios para a exposición deste ano. "Eu presenteilles un reto, pintar Pontevedra e o río, e aquí se pode ver que o seu compromiso co proxecto foi total". Arredor de 270 pezas, inéditas na súa inmensa maioría e realizadas a propósito para esta exposición, compoñen a mostra da novena edición da iniciativa do Concello de Pontevedra para consolidar unha cita coa pintura na programación cultural anual da cidade. "Que esteamos ante un pai e unha filla para min é algo anecdótico. Para min son só pintores. O que non deixa de chamar a atención é que compartindo taller e materiais realicen unha obra completamente diferente", rematou Rozas.

Precisamente nas cousas que os unen e que os separan detivéronse os dous creadores, que expoñen aquí xuntos por primeira vez, cando lles tocou intervir, este luns, nunha inauguración que encheu o Pazo da Cultura. "Nos planteamos desde el principio ser consecuentes con el título de la muestra", sinalou Álex Vázquez ao respecto da temática que tiveron en común á hora de traballar. "Aínda compartindo ollar e linguaxe, a obra é moi diferente", apuntou Amelia Palacios, que tamén sinalou como unha similitude "a violencia" coa que se enfrontan ao lenzo.

[Obra de Álex Vázquez. RAFA FARIÑA]

Obra de Álex Vázquez. RAFA FARIÑA

Ambos se detiveron tamén en sinalar a dureza do traballo deste último ano. "Han sido unos meses muy intensos trabajando en este proyecto", dixo el. "Esta exposición foi unha experiencia incrible, pero tamén dura e intensa", explicou ela. "O resultado reflicte o noso amor pola pintura".

[Obra de Amelia Palacios. RAFA FARIÑA]

Obra de Amelia Palacios. RAFA FARIÑA

De igual maneira, eloxiaron mutuamente o seu traballo. Álex Vázquez dixo sentir admiración e asombro ante a obra da filla. Pola súa banda, Amelia Palacios agradeceulle ao pai "ensinarme case todo o que sei deste mundo, grazas polo debuxo e pola pintura".

A mostra dos dous creadores poderá visitarse ata o día 17 de novembro no Pazo da Cultura.

Comentarios