martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

A profesora Ana Acuña gaña o premio Losada Diéguez coas memorias dos "madrigalegos"

Ana Acuña no seu despacho co libro gañador.
Ana Acuña no seu despacho co libro gañador.
A docente de Ciencias da Educación aborda no seu libro a literatura galega en Madrid

«Estou moi contenta, porque este é un recoñecemento aos galegos en Madrid. Realmente, o premio é deles», manifestou a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña tras coñecerse que resultou gañadora do XXX Premio Antón Losada Diéguez, na categoría de investigación e ensaio, polo seu libro Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). Neste volume, editado por Xerais, Acuña afonda no papel que xogaron na capital, durante a segunda metade do século XX, os grupos de estudantes, escritores, artistas ou intelectuais galegos, a través dos testemuños de 54 daqueles que se coñecían como «madrigalegos». Acuña considéraos os verdadeiros artífices desta distinción outorgada polos concellos ourensans do Carballiño e Boborás. «O premio é deles, eu realmente só fun a transmisora das súas vivencias», destaca.

O galardón está dotado con 6.000 euros, tanto na categoría de investigación como na de creación literaria, na que resultou vencedor Diego Ameixeiras coa novela Conduce Rápido. O fallo coñeceuse o pasado sábado e o premio entregarase o vindeiro 13 de xuño.

O 25 de abril do ano pasado Acuña presentaba en Madrid o libro agora gañador. Nel afonda na importancia «dunha serie de xeracións que tiveron moito que ver co que é Galicia hoxe en día». Así pois, xusto un ano despois, aquela investigación sobre aqueles aos que o xornalista Raimundo García, Borobó, definiu como «madrigalegos», dáballe unha nova alegría. «O certo é o que o libro presentouno a editorial ao premio, polo que non souben nada ata o mesmo momento do fallo», recoñece esta investigadora.

desde a tese. Para dar forma a un libro que partía da súa propia tese de doutoramento en Filoloxía Galega, que Acuña realizou precisamente na Universidade Complutense, a investigadora compilou os testemuños dunha serie de escritores, artistas ou intelectuais. Entre eles figuran o actual presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, ou o seu predecesor, Xosé Luís Méndez Ferrín.

A partires das súas lembranzas, esta docente reconstrúe a traxectoria dos diferentes grupos literarios ou culturais impulsados en Madrid na segunda metade do pasado século, unha liña de investigación que agora se ve reafirmada co Premio Antón Losada Diéguez.

«Que recoñezan e valoren o que un fai sempre é importante e, ademais, dáche novos azos para continuar ese camiño», engade Acuña. Non en van, trátase dun campo de estudo aberto a novas achegas, xa que, como resalta, «os galegos en Madrid teñen moito futuro e tamén moito pasado». De feito, trala publicación do libro Acuña continuou compilando información sobre galegos que se desprazaron a comezos do pasado século ata a capital de España, Madrid, que será ademais en 2018 a sede do XVIII Congreso Internacional de Estudos Galegos.

O galardón é concedido en dúas categorías polos concellos de Boborás e O Carballiño e está dotado con 6.000 euros

A profesora Ana Acuña gaña o premio Losada Diéguez coas memorias...
Comentarios