A propósito do cineasta Carlos Velo

Un simposio no Museo de Pontevedra presentará documentais inéditos do ourensán sobre o exilio en México
Juan Antonio Bardem, Luis Buñuel e Carlos Velo (de esquerda a dereita). FUNDACIÓN CARLOS VELO
photo_camera Juan Antonio Bardem, Luis Buñuel e Carlos Velo (de esquerda a dereita). FUNDACIÓN CARLOS VELO

O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicado en México é o título do simposio que a Fundación Carlos Velo celebrará os días 4 e 5 de outubro no Museo de Pontevedra e no que se poderán ver documentais inéditos do cineasta ourensán sobre o exilio en México. O obxectivo da actividade é profundizar na relación que o realizador mantivo con republicanos exiliados coma el no país centroamericano.

"O simposio fará un percorrido pola vida do cineasta galego, exiliado en México, logo do golpe de estado de 1936 e onde residiu ata 1988", explica o Museo. "As xornadas afondarán no seu papel político dentro da comunidade exiliada e a súa relación con intelectuais, artistas e escritores". Entre eles estarían o poeta León Felipe ou o cineasta Luis Buñuel

A proposta inclúe conferencias a cargo do xornalista e investigador Xosé Enrique Acuña e do crítico e especialista en cine galego Miguel Anxo Fernández, que contextualizarán o traballo de Velo e as particularidades da súa obra; recitais centrados na obra poética que aparece nos seus filmes e na dos autores cos que se relacionou, e proxeccións de diversas curtas documentais. 

Carlos Velo (Cartelle, Ourense, 1909 – México D.F., 1988) é autor de películas como Galicia, Almadrabas, Romancero marroquí ou Pedro Páramo. Formado como biólogo foi curiosamente esta faceta a que o levou a entrar en contacto co mundo do cine por primeira vez, xa que como tal foi o encargado de subministrarlle a Luis Buñuel as formigas que aparecen no seu filme Un perro andaluz

Vinculado á Residencia de Estudiantes, convértese nun entusiasta dirixente cineclubista e interésase pola fotografía. "Coa chegada de 1934 comeza a súa andaina como autor de curtametraxes documentais", explica na súa web a Fundación Carlos Velo. "Deixa España en febreiro de 1938 e ata novembro filmará no norte de África a longametraxe documental de ton antropolóxico Romancero marroquí, da que fai unha primeira versión para de seguido viaxar ós estudios UFA de Berlín coa fin de rematala".

Tras o triunfo do franquismo, pasa a Francia e permanece internado no campo de concentración de Saint-Cyprien. Finalmente exíliase en México, onde desenvolverá toda a súa carreira como cineasta.

DOUS DÍAS DE CONFERENCIAS, RECITAIS E PROXECCIÓNS
A programación do simposio, aberta ao público e de balde, desenvolverase cada día a partir das 19.00 horas no Edificio Castelao.

4 de outubro
Conferencia de Xosé Enrique Acuña e recital de Miguel Cuña Casasbellas. Proxección de curtas documentais sobre León Felipe e Luis Buñuel.

5 de outubro 
Conferencia de Miguel Anxo Fernández e recital de Graciela Baquero Ruibal. Proxección de seis curtas documentais sobre a vida social e política do exilio español en México.