Martes. 18.12.2018 |
El tiempo
Martes. 18.12.2018
El tiempo

A propósito de Pancho Varela

Pancho Varela. DP
Pancho Varela. DP

O xornalista de Diario de Pontevedra Fernando Salgado rescat a historia do seu avó materno no libro '1306/36'

Antes da Guerra Civil, Pancho Varela foi compromisario de Izquierda Republicana en Cerdedo (hoxe Cerdedo-Cotabade). Con 18 anos, o seu neto, o xornalista de Diario de Pontevedra Fernando Salgado (Cerdedo, 1959), foi candidato polo mesmo partido sen coñecer en absoluto a historia do seu antepasado. "Nada se falaba del na casa". Sen embargo, un e outro estaban destinados a atoparse. Porque as súas vidas empeñaronse en entrecruzarse. "O médico que certificou o seu falecemento tras ser fusilado foi o mesmo que asistiu no parto á miña sogra cando naceu a miña muller".

As súas biografías quedan agora definitivamente entrelazadas grazas ao terceiro libro de Salgado, 1306/36, "unha biografía que percorre a súa traxectoria política, pero que tamén se para en aspectos humanos máis descoñecidos". O título? "O número da súa causa". Este venres preséntao en Cuntis (Casa da Cultura, 21.00 horas), o 14 de outubro en Valga (Casa da Cultura, 12.00 horas), o 26 de outubro en Caldas de Reis (Biblioteca Municipal, 20.30 horas) e o 9 de novembro en Vilagarcía de Arousa (Casa da Cultura, 20.30 horas).

ACTIVISMO. Francisco Varela Garrido, máis coñecido como Pancho Varela, "aínda que foi bautizado como Francisco Eloy Agapito Constantino, coidadiño, para que te fagas unha idea da familia da que procedía; en Cerdedo dicíase que no ceo mandaba Deus e na terra os Garrido". Naceu en 1898. Activista político e cultural, foi correspondente de El Pueblo Gallego, e xuíz municipal e secretario do Concello entre 1931 e 1933. Xulgado en Pontevedra por rebelión tras ser nomeado delegado gubernativo en 1936, foi condenado a morte, previo paso pola Illa de San Simón, e fusilado na avenida de Bos Aires o 27 de xullo de 1937.

A idea para o libro naceu da semblanza sobre Varela realizada por Calros Solla no libro "Así aprenderán a non ter ideas" (Edicións Morgante, 2016). "A partir de aí comecei a indagar e, entre outras cousas, conseguín a causa penal no Arquivo Militar do Ferrol, grazas á axuda de Pepe Álvarez".

Salgado foi reconstruíndo a historia do seu avó e descubríu, entre outras cousas, a pegada que deixou nos lugares onde estivo escapado, por exemplo, en Monleras, Salamanca. "O día que presentamos o libro alí había medio cento de persoas. Medio cento dun lugar que no mellor día do verán pode ter 300 habitantes".

Os restos de Pancho Varela, despois de ser depositados nun primeiro momento en San Mauro, fóronlle finalmente entregados á familia de Cerdedo. "Chegaron en autobús, metidos nunha maleta, e alí os recolleu unha parente, con 14 aniños, que despois me contaba como ao pasar por diante da casa dunha fascista lle preguntaba que levaba nesa maleta. "Aquí vai Pancho Varela"".

A propósito de Pancho Varela
Comentarios