A provincia deixou un ronsel de actos para María Victoria Moreno

Vilalonga, Raxó, Vilaboa, A Estrada, Cuntis, Marín e Bueu festexaron o 17M

As comarcas de Pontevedra tamén festexaron o 17 de maio cun amplo abano de actividades en homenaxe á escritora María Victoria Moreno.

Algúns dos ex alumnos da autora, que foi mestra no IES Vilalonga durante catro anos, participaron na homenaxe pública que tivo lugar na parroquia de Sanxenxo. A compañía de teatro Bandullo Azul representou a obra Mar adiante e houbo diversas actuacións de música popular galega.

En Raxó (Poio) celebrouse a Carreira pola Lingua e tivo lugar entrega de premios do concurso literario Xaime Illa.

En Marín, o Museo Manuel Torres acolleu a entrega dos premios dos certames de narración curta para rapaces e adultos que o Concello organiza con motivo do Día das Letras Galegas.

Pola súa banda, os veciños de Sanamedio, na parroquia buenense de Beluso, celebraron a Romaría das Letras Galegas, un evento que se recuperou o ano pasado e que conta cunha gran diversidade de actividades a prol da lingua.

En Cuntis e na Estrada, os seus concellos celebraron unha dobre homenaxe: á figura que protagoniza a xornada e a dúas personalidades que deixaron una fonda pegada. No primeiro caso, a ofrenda floral tivo lugar diante da estatua de Roberto Blanco Torres, e na segunda, diante da de Marcial Valladares.

Estes foron algúns dos actos máis destacados do Día das Letras Galegas na provincia:

- Acto emotivo en Vilalonga

A vila onde María Victoria Moreno foi mestra celebrou un gran acto na praza central, no que non faltaron ex alumnos da autora de Anagnórise, nin a música popular e o teatro. FOTO: DAVID FREIRE.

- Camiños da Lingua en Vilaboa
Percorrer Vilaboa desde distintos puntos, a pé, en bicicleta ou por distintos medios e reunirse nun xantar popular. Ese foi o cometido da convocatoria de Vilaboa para celebrar o 17-M.

- Ponte Caldelas viviu o día con música
A casa da Cultura acolleu o mércores pola noite un acto no que soou a música de Manoele de Felisa e no que se repasaron os fitos da carreira de María Victoria Moreno.

- Entrega de premios en Marín
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a edil de Cultura, María José de Pazo, entregaron onte os galardóns dos certames de narración para nenos e adultos para fomentar o uso do galego.

- Poio uniuse para correr pola lingua
A Concellería de Deportes de Poio promoveu a Carreira pola Lingua, cunha grande participación en todas as categorías de idade, desde nenos ata maiores de 18 anos.

- Raxó acolleu a entrega dos Xaime Illa
Raxó acolleu o acto de entrega dos premios do certame literario Xaime Illa. A cita foi precedida por unha conferencia a cargo do antropólogo e investigador Rafael Quintía. FOTO: DAVID FREIRE

- Teatro e música en Cuntis
A Praza das Árbores foi un dos lugares nos que se celebraron os actos programados en Cuntis. Un deles foi una ofrenda floral a Roberto Blanco Torres.

- Baile tradicional en Vilanova
O grupo de música e baile tradicional Valle-Inclán, de Vilanova, protagonizou este xoves un pasarrúas e unha actuación para recordar a María Victoria Moreno no Día das Letras Galegas.

. Ofrenda e pregón na Estrada
Ramiro Cimadevila foi o encargado de ler o pregón nos actos celebrados na Estrada, coa presencia do alcalde, José López, diante da estatua de Marcial Valladares.

Comentarios