sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

Oito proxectos de mozos asomaranse ao Palco da Alameda

Palco da Música da Alameda
Palco da Música da Alameda

▶ A Concellería de Xuventude pon en marcha unha iniciativa que convida aos novos creadores locais a mostrar o seu traballo

Os mozos de Pontevedra tomarán o Palco da Música da Alameda. Farano da man da Concellería de Xuventude, que vén de presentar unha iniciativa, Sube ao palco, mediante a que os convida a presentar o seu traballo nese espazo do centro da cidade. Seleccionaranse oito propostas entre todos os proxectos que se presenten, ata o 13 de abril, na web www.pontevedra.gal. Os elixidos ocuparán o quiosco pontevedrés os xoves dos meses de maio e xuño (salvo o 17 de maio).

"Dar visibilidade e canalizar o talento que hai na cidade e recuperar o uso dun espazo aparcado durante anos, o quiosco de música da Alameda, é o dobre obxectivo co que nace o proxecto Sube ao Palco", explica o Concello sobre a iniciativa que este luns presentou o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña. Tal e como recollen as bases, trátase tamén de "ofertar unha plataforma de testeo de proxectos creativos".

A convocatoria municipal está aberta tanto a música e teatro como a danza, artes plásticas, proxectos audiovisuais, poesía, perfomances e moda. "Todo terá cabida neste proxecto creativo pensado para a mocidade".

ENTRE 12 E 35 ANOS. Os interesados en participar deberán ter entre 12 e 35 anos, e poderán facelo de xeito individual ou por grupos. Un xurado especializado (composto por un membro da Concellería de Xuventude, outro da Concellería de Cultura e tres representantes da industria cultural galega) elixirá, entre as propostas presentadas, aos oito proxectos que conformarán a programación de Sube no palco. Despois, de cada un deles gravarase un audiovisual promocional.

Pódese solicitar máis información na Oficina Municipal de Xuventude (Casa da Luz) e no e-mail [email protected]

Oito proxectos de mozos asomaranse ao Palco da Alameda
Comentarios